O Entroido do sur de Lugo protagoniza no Centro do Viño unha exposición
Este xoves inaugúrase no Centro do Viño da Ribeira Sacra a exposición “Galiza. Un país de festas. Ritos festivos singulares”. A exposición é froito dun traballo de investigación realizado por Carme Pernas, comisaria da exposición, e patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo.
O obxectivo deste traballo é recuperar e divulgar o patrimonio inmaterial da provincia de Lugo, motivo polo que o mesmo conta con tres aspectos diferenciados: a propia investigación, unha exposición, e material didáctico para os centros de ensino.
No Centro do Viño poderemos ver a parte da exposición que se centra no Entroido tradicional do sur da provincia: o Entroido Ribeirao e o Oso de Salcedo (Pobra do Brollón).
A exposición inaugurarase ás oito do serán do xoves día 12 de febreiro, e ó acto, aberto á cidadanía, asistirán o delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e a comisaria da exposición, Carme Pernas.











