publicidade hoxe

O Entroido de San Sadurniño chega ao seu ecuador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Entroido en San Sadurniño

Entroido en San Sadurniño

75 persoas entre nenas, nenos, papás, mamás, avós e avoas participaron o sábado pola tarde na festa de Entroido organizada polo Concello na Casa da Cultura. Houbo música, xogos para toda a famila e tamén unha merenda a base de freixós e orellas. Para hoxe o departamento de Igualdade preparou un obradoiro de cociña dirixido á rapazada no que os cativos e cativas aprenderon a facer sobremesas típicas do Entroido brasileiro.

En concreto durante a mañá prepararon brigadeiros -unha especie de pasteis de chocolate- e tamén batido de chirimoia. O obradoiro tiña dous obxectivos: por unha banda ofrecer un servizo de conciliación e por outra facer partícipes aos nenos e nenas dunha actividade, a cociña, na que aínda existen moitos prexuízos de xénero. Para esta proposta impartida por Bolboreta S.C. ofrecéronse 12 prazas das que se cubriron só a metade.

Por outra banda, durante o sábado, a festa de Entroido infantil reuniu na Casa da Cultura a arredor de 75 persoas entre nenos e adultos -no perfil de facebook do Concello hai un pequeno resume fotográfico- que gozaron de xogos e dunha merenda a base de sobremesas propias destas festas. Princesas, piratas, meigas, bailaoras, fadas, abellas e xoaniñas mesturadas con Peppa pig, Supermario, Batman, Spiderman ou Robin Hood nun mosaico de cores vivas protagonizado case na súa totalidade polos pequenos e pequenas.

O Entroido aínda non rematou
O Entroido non acaba ata o domingo. De feito para o próximo sábado O Castelo de Narahío organiza o seu tradicional baile que contará cunha programación de tarde específica para os cativos. A partir das 18h., en colaboración co Concello, haberá teatro para toda a familia cos Ghazafelhos e a súa obra “Contos de lobo”. Ao seu remate a asociación ofrecerá unha pequena sesión de disco-pícaros e xa pola noite, a iso das 23.30h., empezará o baile para maiores co Grupo Pasión e premios para os mellores disfraces individuais, en parella e en grupo. Ademais, O Castelo tamén sorteará unha cesta de Entroido.

Moitos dos produtos típicos destas datas seguramente poderemos atopalos no Mercado Local Xusto do domingo, que terá lugar durante toda a mañá nos xardíns municipais. Orellas, cacholas, lacóns, chourizos, grelos -poucos porque disque hai escaseza- e outros produtos frescos e transformados compartirán espazo con artigos de artesanía e de segunda man. As inscricións aínda poden facerse e a lista cos postos publicarase o mércores xa que mañá, Martes de Entroido, é festivo local.

17 de febreiro de 2015 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.