O embaixador de Gambia leva da visita a Tecnópole solucións innovadoras para facilitar o desenvolvemento do seu país
O embaixador de Gambia en España, Lang Yabou, visitou esta tarde o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole para explorar solucións innovadoras ás necesidades máis urxentes do seu país. Na empresa Gaélica Solar puido coñecer de cerca varios produtos que permitirían mellorar a calidade de vida e a competitividade do sistema produtivo do país africano. Os responsables de Egatel presentáronlle os seus equipamentos de telecomunicacións, xa presentes en Arxelia, Tanzania, Marrocos e Túnez.
Gambia é un pequeno país situado na zona costeira de África Occidental e cunha poboación de 1,7 millóns de habitantes. A pesar de que, grazas a estar atravesado de punta a punta por un gran río, conta cunhas terras moi fértiles que fan da agricultura, xunto coa pesca e o turismo, un dos eixes da súa economía, o seu índice de desenvolvemento é moi baixo e a terceira parte da poboación vive baixo o umbral da pobreza.
O seu desenvolvemento económico e a mellora das condicións de vida dos seus habitantes depende en gran medida da incorporación de tecnoloxía que lle permita aproveitar e conservar os seus recursos naturais.
O xerente de Gaélica Solar, Manuel Eirín, obsequiou ao embaixador cun kit de bombeo solar, que permite o bombeo directo de auga utilizando enerxía solar captada a través dun panel fotovoltaico, e cun sistema autónomo de iluminación, tamén a través de enerxía solar, para que os envíe ao seu país e poidan comprobar a súa efectividade. Ademais, mostroulle os alimentadores solares automáticos para gando. Estas serían as solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a actividade agrogandeira do país, da que depende o 75% da poboación.
A industria de Gambia baséase na transformación de cacahuete e peixe, con graves problemas derivados da conservación destes alimentos que limitan a capacidade de exportación do país. Para solucionar este problema, Gaélica Solar presentoulle ao embaixador o deshidratador solar antioxidante, que, a través dun pequeno equipo portátil, permite deshidratar produtos no mesmo punto de colleita ou captura. Isto garante a máxima preservación da cor, o olor e o sabor dos alimentos, que se conservan até catro anos dado que con este tratamento se impide o proceso de oxidación.
Por último, para reforzar a calidade da oferta turística, Eirín presentou os seus sistemas de iluminación autónomos con puntos de recarga para teléfonos mobiles, todo alimentado con enerxías renovables, e o depurador autónomo de aguas mediante luz ultravioleta con efecto xermicida que se está a valorar para colocar nas fontes do Camiño de Santiago.
Líderes na televisión dixital
Lang Yabou tivo tamén ocasión de coñecer a Javier Taibo e José Manuel M. Mariño, director xeral e director de vendas de Egatel, respectivamente. Os representantes da empresa, que é a principal provedora de transmisores de televisión dixital en España, presentáronlle os seus produtos, dirixidos ao mercado profesional de operadores e canles de TV.
Egatel, que iniciou en 2001 a venda de produtos no mercado internacional, conta con clientes en 25 países. Entre eles, xa está a subministrar equipos para a extensión da cobertura de TDT a varios países africanos: Arxelia, Tanzania, Marrocos e Túnez.











