O edil de Tráfico vilagarcían exporá o luns á asociación de veciños os cambios a realizar na praza de Rafael Pazos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O concelleiro de Tráfico, Ángel Benito Pérez Dorgambide, reunirase o vindeiro luns cos representantes da asociación de veciños de Vilaxoán co fin de informarlles das medidas que o Concello propón levar a cabo na Praza de Rafael Pazos en resposta ás demandas realizadas polo colectivo para regular o estacionamento e a circulación. O edil engade que as actuacións levaranse a cabo de inmediato e non comparte as críticas da asociación cando non deron tempo a que se realizaran os preceptivos informes.

Dorgambide lembra que aínda foi a semana pasada a súa visita á Praza Rafael Pazos en compaña da concelleira de Obras para ver as actuacións que se podían levar a cabo para atender as peticións do colectivo. Dado que unha delas é relativa ao cambio do sentido de circulación dunha rúa, a medida debe ser informada pola Policía Local. O concelleiro conta con ter este informe a finais de semana, para concretar as propostas definitivas que lles presentarán o luns á directiva da asociación. A idea do edil de Tráfico é que as actuacións a realizar sexan consensuadas co colectivo e que o acordo se recolla nun documento.

En canto ás críticas polas multas tramitadas pola Policía Local por estacionamentos indebidos na Praza de Rafael Pazos, o edil aclarou que as únicas sancións impostas debéronse á denuncia realizada por un veciños da zona que se queixaba de que uns vehículos estaban mal aparcados e obstaculizaban o paso de peóns, para o cal incluso aportou fotografías. Dorgambide negou que a Policía estivese vixiando a zona de forma especial, e advertiu que os axentes teñen que acudir cando os cidadáns os requiren e facer cumplir a lei. “E si nese caso concreto había uns vehículos aparcados nunha zona sinalizada con prohibido aparcar, o seu deber e denunciar, independentemente de que en cuestión de días se vaian a poñer bolardos”.

17 de febreiro de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.