O desfile de Entroido de Vilagarcía pasará por Conde Vallellano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Vilagarcía prepárase xa para celebrar o Martes de Carnaval cun dos actos máis multitudinarios e vistosos destas festas: O Desfile-Concurso de Disfraces que terá lugar mañá, a partir das 17:00 horas. Dada a elevada participación que se rexistra cada ano, para evitar que cabeza e cola da caravana cheguen a atoparse no transcurso do percorrido, o desfile ábrese este ano para pasar pola Rúa Conde Vallellano. A festa rematará como sempre na Peixería, cunha sesión amenizada pola Duendeneta, na que se darán a coñecer os premios concedidos polo xurado.

O desfile partirá da Rúa Alexandre Bóveda, nas inmediacións da Praza de Abastos, cara Alejandro Cerecedo para seguir por Doutor Tourón en sentido á Praza de España. Continuará por Edelmiro Trillo e xirará cara a Praza da Independencia para bordear o xardín, en continuar por Padre Feijoo para chegar á Praza de Galicia. En lugar de seguir por Arcebispo Lago, a caravana tomará por Conde Vallellano para rematar na zona da Praza da peixería e Praza Doutor Carús.

Tras rematar o percorrido, os concursantes e todas as persoas que o desexen, poderán participar no fin de festa que terá lugar na Praza da Peixería cun baile amenizado pola Duendeneta o que se darán a coñecer os nomes dos gañadores dos 24 premios establecidos pola Concellería de Cultura nas diversas modalidades.

A Concellería de Cultura creou este ano novas categorías de concurso para evitar que parellas e individuais compitan nunha mesma e os premios cheguen a máis participantes. Tamén se implementou a partida presupostaria para dotar os 24 premios que se concederán.

Outra das novidades incluídas nas bases do concurso é a proporción que deben cumprir os grupos á hora de competir na modalidade de adultos ou infantís. Para participar na primeira, a porcentaxe de membros adultos do grupo debe acadar, polo menos o 60%. Esta mesma porcentaxe pero de nenos deben cumprir os grupos infantís. Consideraranse adultos as persoas de 14 anos en diante.

Así, na modalidade de adultos establécense catro categorías para concursar (grupos de máis de 20 compoñentes, grupos de ata 20 membros, parellas e individuais. En cada categoría concederanse tres premios cuxas sumas oscilan entre os 500 e os 50 euros. As mesmas categorías establécense para a modalidade infantil, con tres premios por categoría e con importes que van dos 50 aos 400 euros.

Aparcamentos libres de vehículos ás tres da tarde

A efectos de facilitar a organización do Desfile de Entroido, prégase a colaboración dos condutores para que retiren antes das tres da tarde os vehículos aparcados nas rúas polas rúas polas discorrerá a caravana de disfraces. A partir de esta hora a grúa da Policía comezará a retirar os vehículos que aínda permanezan aparcados nestas zonas. Tamén se pide a colaboracións dos veciños que teñan que acceder ou sacar os seus coches de garaxes situados nas rúas do percorrido, para que o fagan coa antelación suficiente.

A Policía Local sinalizará con vallas os aparcamentos que deben quedar libres mañá ás tres da tarde. Tamén se repartiron folletos informativos en portais e garaxes e se colocarán nos parabrisas dos coches. Tamén se dou conta destas medidas ás empresas de transporte público, emerxencias, ambulancias e taxis.

Cortes de tráfico e aparcamentos disuasorios

Os cortes de tráfico no centro urbano comezarán ás 17 horas e prologaranse ata as 20 horas. Aconséllase que, na medida do posible, non se utilice o coche para circular polo centro nesa franxa horaria e que se utilicen as vías de circunvalación. Tamén é recomendable recorrer aos aparcamentos disuasorios para non ter que entrar no centro como o dianteiro e posterior de Fexdega, os da TIR e O Ramal, Praza da Estación ou a Escardia.

16 de febreiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.