O departamento de Infraestructuras amplía as beirarrúas da avenida de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, iniciou as obras de mellora da accesibilidade da parada de bus situada á altura do número 85 da avenida de Arteixo. Esta actuación completa outras actuacións desenvolvidas no barrio, como a instalación dun ascensor xunto ao mercado de Ramón Cabanillas.

O novo proxecto da área de Infraestructuras, en coordinación coa Concellaría de Mobilidade, inclúe a ampliación da beirarrúa próxima ao número 85 da parada de bus da avenida de Arteixo e a instalación de baldosas antideslizantes de semellantes características ás colocadas noutros puntos do barrio. Ademais, recolleranse as augas pluviais e recolocaranse os colectores de residuos sólidos urbanos.

A solución proxectada permitirá un uso máis cómodo de toda a beirarrúa, a implantación dunha marquesiña e o uso accesible do transporte urbano. A obra, cun prazo de execución aproximado dun mes e un presuposto de 11.979 euros, enmárcase dentro do compromiso do Goberno municipal de mellorar a accesibilidade no barrio e supón dar continuidade ao proxecto de conexión da avenida de Arteixo coa rúa Ramón Cabanillas a través dun ascensor. Cun investimento final de 143.264 euros, a instalación deste ascensor permite dar unha solución á mobilidade e atender a demanda dos veciños, dentro do compromiso do Goberno local de contar cunha cidade máis accesible e onde os peóns teñan cada vez máis protagonismo.

O novo ascensor serve de porta de entrada ao barrio dos Mallos e favorece a conexión coa zona de Sagrada Familia. Optouse pola colocación dun ascensor porque é a mellor solución para mellorar a accesibilidade e, neste caso, ocupa menos espazo que unhas escaleiras mecánicas. Ademais, o elevador é visible dende a avenida de Arteixo, o que tamén favorece a súa utilización.

11 de febreiro de 2015 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.