O cross terá o seu protagonismo na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Tras a suspensión a pasada semana do campionato provincial XOGADE de campo a través, a Xunta de Galicia quixo que se celebre o próximo sábado e esta vez parece ser que o tempo vai acompañar, aínda que se espera, na matinal do sábado, unha xornada de vento e frío.
Ás once menos cuartos da mañá comezarán as carreiras, coa categoría cadete, continuarán coas categorías infantil, alevín e benxamín, cuxa última carreira será ás 13:00 horas.

A Sociedade Ximnástica de Pontevedra, acode con case todos os seus equipos clasificados nas diferentes categorías. Será unha xornada atlética na que sempre se verá correndo a algún atleta coa franxa azul no peito.

Para o domingo, Monforte de Lemos será un escenario magnífico para a celebración do campionato de Galicia de campo a través; o equipo masculino terao moi complicado para revalidar a vitoria do ano pasado e con dous atletas no podio a nivel individual. As principais bazas da Ximnástica como Rubén Diz ou Robertas Geralavicius non estarán na localidade luguesa. Esperamos que Antonio Serrat volva estar nos postos de cabeza como o fixo no pasado cross curto.

En canto ás rapazas, as séniors da Ximnástica non van poder completar equipo para a competición de Clubs, pero Barca Toba pode estar moi arriba na clasificación individual. Tamén Rocío Rodríguez, Cristina González e Sara Márquez; serán a armada do equipo Promesa, que pode dar unha grande alegría á entidade pontevedresa.

Ás once comezarán as primeiras carreiras, coa categoría júnior, para celebrarse despois, ás 12:15, a sénior-promesa feminina e ás 13:00 horas a masculina.

6 de febreiro de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.