O Concello de Vilagarcía presenta en tempo e forma o plan de prevención na inspección de traballo
A voceira do grupo de goberno e presidenta do Comité de saúde Laboral do Concello desmente rotundamente as críticas realizadas polos delegados sindicais. Llovo del Río asegura que o Concello non obviou ningún requirimento realizado pola Inspección de Traballo, xa que o Plan de Prevención presentouse en tempo e forma. Aclara ademais a edil que a única denuncia presentada ante Inspección é a relativa aos prazos de convocatoria e celebracións do Comité de Saúde Laboral.
A presidenta explica que a raíz desa denuncia celebrouse unha xuntanza na delegación de Traballo de Vigo e, aínda que nela falouse doutros asuntos, o único requirimento que se lle fai ao Concello é que elabore o Plan de Prevención, un documento que foi presentado a Inspección o 23 de decembro “en tempo e prazo, a efectos de que o inspector tivera coñecemento del e, de ser o caso, valorase a necesidade de reformar ou engadir algún punto”.
Segundo expón a concelleira, uns días despois, o inspector da unhas indicacións ao Concello que se recollen e, dentro dos prazos previstos, convócase ao Comité de Saúde Laboral para presentar o devandito Plan. Esta reunión celebrouse a semana pasada, concretamente o 12 de febreiro. Para preparar a sesión, os delegados sindicais de saúde dispuxeron da documentación cinco días antes da súa celebración, como establece a lei.
No comité debateuse o Plan de Prevención do Concello e os sindicatos tiveron a oportunidade de presentar as suxestións que consideraran oportunas para mellorar o texto. Llovo sinalou que UGT foi o único sindicato que aportou achegas. Nesa reunión o goberno tamén presentou aos delegados o Plan de Actuación Preventiva para o ano 2015, do mesmo xeito que o do ano anterior se presentara ao Comité tamén no mes de febreiro.
A voceira do grupo de goberno advirte que o órgano competente para aprobar o Plan de Prevención do Concello é a Xunta Local de Goberno. Por iso, unha vez incluídas as propostas que consideren oportunas, a presidenta do Comité de Saúde Laboral elevará o documento á Xunta Local de Goberno para a súa aprobación. Cumprido este trámite, o Plan definitivo e aprobado volverá a remitirse á Inspección. Dentro deste documento especifícanse moitos aspectos, como o organigrama de funcionamento de prevención no concello. Independentemente disto, a concelleira explicou que o Concello segue traballando no eido da saúde laboral e prevención de riscos no Concello, xa se concretaron medidas de formación axustadas ás necesidades e características de cada departamento e servizo e que serán impartidas pola técnico de prevención.











