O Concello de Ourense saca a concurso o mantemento da rede wifi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de mantemento da rede pública sen fíos wifi da cidade de Ourense, a partir do vindeiro mes de abril, data na que remata o contrato de mantemento actual, que non é susceptible de prórroga.

Con esta nova adxudicación, o Concello garantirá a continuidade neste servizo, posto en marcha entre os anos 2008 e 2009, que permite a veciños/as e visitantes da cidade acceder gratuitamente para un uso básico de Internet, sen fíos, dende medio centro de espazos públicos da cidade e o perímetro rural.

O Concello de Ourense destinará a este contrato unha achega de 55.222,32 euros, repartidos en dúas anualidades: 41.416,74 euros para a de 2015 e 13.805,58 para 2016.

O Concello despregou entre 2008 e 2009 unha infraestrutura de banda ancha que cobre zonas urbanas, rurais e semirrurais ao obxecto de facilitar o acceso a Internet da cidadanía a través dunha serie de puntos de acceso. O servizo de mantemento garantirá o funcionamento correcto do servizo, a reparación das posibles avarías e asegurar que o software e o firmware dos equipos se atope actualizado.

A empresa adxudicataria asumirá o mantemento de todos os elementos que constitúen e conforman a rede, formada polos nodos de acceso inalámbrico distribuídos polos parques da cidade e 14 parroquias, controlando toda a rede desde un centro do proceso de datos ubicado na Cuña.

Zonas do perímetro rural: Palmés, Cudeiro, Quintela, Eirasvedras, Rairo, Santa Mariña do Monte, Velle, Seixalbo, Rabo de Galo, Mende, Beiro, Ceboliño, Parque de Montealegre e Vilar

Zonas urbanas; Praza da Mariña, Parque infantil da Ponte, Praza de Concepción Arenal, Alameda do Cruceiro, Parque de San Lázaro, Parque infantil de San Lázaro, Auditorio, Parque Barbaña, Praza do Couto, A Carballeira, Xardín do Posío, Praza das Mercedes, Parque Avilés de Taramancos, Praza Maior, A Molinera, Parque Miño e Covadonga

Zonas turísticas: A Chavasqueira, Outariz, Muíño da Veiga, As Burgas, Oira.

O servizo prestarase 24 horas durante os sete días da semana, cun servizo de atención telefónica de alomenos 8 horas diarias de luns a venres.

O procedemento de adxudicación do concurso será aberto, tendo como principal criterio de valoración das ofertas o prezo, ao que se lle atribuirán 80 puntos. Aos demais criterios se lles atribuirán 20 puntos.

Máis de 30.000 sesións ao mes

A rede “Ourense wifi” ofrece conexión gratuíta a internet a unha velocidade de 510 Kbs, que permite consultas sinxelas como correo electrónico, visita de páxinas web ou a lectura da prensa diaria desde os diferentes puntos de conexión, que se estenden tanto no núcleo urbano coma no rural.

Entre os máis habituais por parte de usuarios/as atópanse o Parque Barbaña, a rúa Lugo, a Avenida de Santiago, ou a Praza da Lexión. No referido ao total das sesións, as cifras chegan ata máis de 30.000 sesións ao mes.

O servizo, froito dun crecemento progresivo na súa utilización por parte de veciños e veciñas da cidade, conta xa con máis de 16.000 usuarios registrados desde a súa posta en funcionamento.

12 de febreiro de 2015 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.