O Concello de Ourense convida aos xóvenes a iniciarse nas artes escénicas con dous obradoiros de teatro e danza contemporánea
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense convida a mozos e mozas de Ourense a iniciarse nas artes escénicas, a través de dous obradoiros, de teatro e danza contemporánea, que se desenvolverán durante os vindeiros meses de marzo e abril.
As persoas interesadas poden realizar a inscrición na Oficina Municipal de Información Xuvenil, na Praza de San Martiño, 2, baixo, ou a través do correo electrónico espazolusquinhos@ourense.es. Son gratuítos, dirixidos a moz@s de 15 a 35 anos, con prioridade para empadroad@s en Ourense
Cun máximo de 12 alumn@s, sen necesidade de coñecementos previos, o obradoiro de danza será os luns, mércores e xoves, dende o 11 de marzo ate o 13 de abril, de 17,00 a 19,00 horas. O prazo de inscrición abrirase o luns, 23 de febreiro. O curso de teatro, do que xa se abrira o prazo de inscrición o 7 de febreiro (e segue aberto), variou as datas de celebración para responder a suxestións de persoas interesadas en participar. Comenzará o luns, 2 de marzo, e será luns e mércores ate o 13 de abril, no Centro Cívico da Cuña.
Danza contemporánea
A danza contemporánea en Galicia é un fenómeno emerxente co que as novas xeracións de públicos conectan de forma natural. Este laboratorio intensivo pretende iniciar á mocidade nas artes do movemento da man dunha recoñecida profesional da escena latinoamericana, Kirenia Martínez.
O primeiro módulo comezará cun quecemento e clase técnica que asegure o corpo para contactar co movemento e para entrar a diferentes propostas de creación poética – coreográfica. Os obxectivos destas sesións iniciais serán flexibilizar, fortalecer e conseguir un corpo aberto a experimentar coa improvisación e coa creación coreográfica dende a poesía.
O segundo módulo afondará no movemento e a danza arredor das seguintes pautas:
– Percorrido e historia do movemento como resorte da escena.
– O núcleo onde atopamos as sementes da imaxinación creadora. O camiño cara as seguintes capas.
– A evolución do movemento cara a súa interpretación. A construcción de texturas cara o movemento dramático.
– A investigación coreográfica a partires da creación colectiva. A improvisación e as pautas coreográficas.
Teatro
O programa do obradoiro de teatro, pola súa banda, inclúe nocións de xogo dramático, espazo teatral, creatividade, recursos expresivos e improvisación. O curso animará aos/as participantes a descubrir esta arte escénica, transmisora de emocións, sentimentos, e sensacións, compendio de artes plásticas, musicais, coreográficas, na que interveñen o corpo, as emocións e as relacións.
O curso pretende espertar inquedanzas cara os mecanismos do oficio, buscando o pracer do espontáneo e a parte lúdica do traballo escénico.
Traballarase a importancia do grupo e tratarase de abrir camiños, favorecer o traballo creativo, potenciar a imaxinación mediante diferentes estímulos, dar a coñecer os potenciais vocais e corporais do/a intérprete; estimular a imaxinación, a percepción, a expresión; propiciar a concentración e a espontaneidade. Nas actividades estimularase o traballo creativo nun ambiente axeitado e potenciando a imaxinación.











