O Concello de Monforte renova a iluminación pública na parroquia de Bascós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Grazas ó convenio para a mellora da eficiencia enerxética, asinado no ano 2014 entre o Concello de Monforte e a Deputación de Lugo, esta semana executarase unha nova intervención na iluminación pública de tres lugares da parroquia de Bascós.

A actuación consistirá na substitución de 76 lámpadas de vapor de mercurio de 80w por outras tantas de haloxenuro metálico de 50w, así como na instalación de balasto electrónico con regulación de fluxo dobre nivel. Tamén se substituirán as células fotoeléctricas por reloxos astronómicos para regular o acendido e apagado das luminarias, o que supón un axuste no horario de funcionamento da iluminación pública co conseguinte aforro no consumo enerxético.

Os lugares da parroquia de Bascós que se beneficiarán destas actuacións e o número de lámpadas a substituír en cada un deles son:

– Carrachousa (27 lámpadas)

– Vila (24 lámpadas)

– Regueiro (25 lámpadas)

Os traballos comezan no día de hoxe, agardando que rematen o venres día 13 de febreiro.

A través deste convenio e co financiamento íntegro da Deputación de Lugo, xa se renovou a iluminación pública en Vilamarín (22 lámpadas), Rozavales (61), Fiolleda (37), As Fontes de Reigada (41), A Penela (12), Guntín (34), e Bamorto (18 lámpadas).

Estas actuacións comportan un menor consumo enerxético e unha maior iluminación, así como un axuste horario máis preciso do acendido das luminarias

O concelleiro de Servizos Municipais, Xosé Lois Rodríguez Rivera, valora de maneira moi positiva estas intervencións, xa que veñen a completar outras medidas de aforro enerxético que o Goberno Municipal puxo en marcha dende que chegou ó Concello, tales como: substitución de lámpadas por outras de menor consumo, actuacións sobre a potencia reactiva, renovación de cadros de mando, substitución de células fotoeléctricas por reloxos astronómicos, e axuste de tarifas.

11 de febreiro de 2015 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.