O Concello de Lugo mostra a súa repulsa á negativa da Xunta ao servizo de hemodinámica no HULA
O Concello de Lugo amosa a súa indignación e repulsa pola negativa da Xunta de Galicia a poñer a disposición dos veciños e veciñas o servizo de Hemodinámica durante 24 horas no Hospital Universitario Lucus Augusti, negativa que hoxe nos veu comunicar persoalmente a Conselleira de Sanidade, Raquel Mosquerda, dacordo coas noticias difundidas por distintos medios de comunicación.
O Concello rexeita, unha vez máis, este proceder da Xunta de Galicia para cos veciños e veciñas de Lugo e lémbralle ó Goberno galego, ó seu Presidente e a súa Conselleira de Sanidade que os lucenses non somos cidadáns de segunda categoría, a nosa saúde ten o mesmo valor ca do resto dos galegos e, por se teñen algunha dúbida, os cidadáns de Lugo temos os mesmos dereitos e pagamos impostos como o que máis.
Para o Concello, resulta tan lamentable como ferinte que a Conselleira de Sanidade se desplace dende Santiago de Compostela ata a nosa cidade para tratar de facernos ver que, polo feito de residir en Lugo, non precisamos dos mesmos servizos sanitarios dos que sí dispoñen noutras provincias galegas.
Lugo, que sempre foi e será unha cidade acolledora, convida ó Presidente da Xunta de Galicia e ós membros do seu Goberno a visitarnos sempre que o desexen, pero tamén os conmina a facer aquí os investimentos que merecemos como galegos e como persoas, especialmente en servizos que constitúen un dereito irrenunciable dos veciños e veciñas e anuncia que ésta é unha demanda que nunca nos cansaremos de reivindicar dende o Concello.











