O Concello da Laracha presentará á Xunta un novo proxecto de mellora do campo da feira para o seu cofinanciamento
A Xunta de Goberno Local reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que a cuestión máis relevante foi o acordo segundo o cal se solicitará a participación do Concello da Laracha na convocatoria de subvencións da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia para mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo feder Galicia 2007-2013 (publicada no DOG número 15 do 23 de xaneiro de 2015).
Con esa finalidade o Concello da Laracha presentará un proxecto relacionado coa adecuación dos espazos do recinto feiral de Paiosaco e as súas instalacións.
A actuación deseñada polo goberno municipal inclúe o reforzamento da sinalización, o pintado de marcas viarias e dos postos de venda e, entre outros traballos, a mellora do local dos aseos públicos que está operativo nas xornadas de feira.
Como un dos motores económicos do Concello e destacado elemento cultural do municipio con máis de dous séculos de antigüidade, a feira de Paiosaco e o mantemento en bo estado de conservación do seu recinto ocupa un lugar preferente na axenda do goberno local. Durante os últimos anos realizáronse moi diversas actuacións que renovaron o modernizaron o ámbito do campo da feira, contándose para o cofinanciamento da maioría deses proxectos coa colaboración económica da Xunta de Galicia











