O Concello da Coruña presenta a nova web municipal

Presentación nova web do Concello da Coruña
O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Gallego, presentou esta mañá a nova web do Concello para achegar aínda máis a administración ao cidadán, facilitar o acceso á información e os servizos municipais, e unificar criterios e canles de comunicación de acordo á nova imaxe corporativa.
O novo deseño da web municipal inclúe tanto o propio portal do Concello coma as novas webs da rede de bibliotecas municipais, o centro sociocultural Ágora e as áreas de Cultura, Emprego e Xuventude. “Hoxe sae á luz o resultado de aplicar un novo modelo ás webs municipais, un paso importante na estratexia de unificar as canles de comunicación municipal e de xuntalos baixo o dominio coruna.es, racionalizando o uso de internet como vehículo de comunicación, baixo unha imaxe corporativa nova e común para todos e obedecendo a un modelo de presenza en internet derivado da Axenda Dixital Local aprobada en 2012 e na que se prima a centralización fronte á dispersión de webs”, destacou a responsable municipal de Administración Pública.
Rosa Gallego, acompañada do director de área de Planificación e Administración Electrónica, Pablo Vázquez, sinalou as claves estratéxicas que se aplicaron á hora de crear a nova web do Concello da Coruña:
. Os dominios coruña.es e sede.coruña.gob.es como referentes dos servizos públicos dixitais da administración local. Deste xeito, preséntase unha porta de entrada única á información municipal.
. Constituír un marco común que facilite á cidadanía as súas relacións coa administración, así como unha base sólida sobre a que impulsar, construír e aumentar a oferta de servizos dixitais da administración.
. Permitir ao cidadán acceder á información e servizos municipais de forma homoxénea, independentemente da canle que elixa (telefónico, telemático ou presencial) e da tecnoloxía escollida (ordenador, APP móbiles e pantallas interactivas, entre outras canles).
. Optimización de recursos para aforrar custos á administración pública e, polo tanto, ao cidadán
. Facilitar a distribución de contidos con administracións públicas ou con entidades privadas mediante un modelo de catálogo de datos Open Data.
Rosa Gallego recordou que a nova web municipal se suma á presentación que onte realizou o alcalde, Carlos Negreira, dos primeiros resultados do proxecto Coruña Smart City, que abre unha canle de interacción á cidadanía e expón os primeiros resultados dos pilotos e da plataforma de cidade. “O deseño da nova web do Concello adáptase a calquera tipo de dispositivo (tablet, móbil ou equipo informático de sobremesa) e supón dar unha imaxe máis homoxénea, poñendo fin á dispersión que ata agora existía nas páxinas web municipais e á falta de uniformidade na súa construción”, sinalou a concelleira, quen recordou que a web municipal é unha ferramenta de interacción moi importante cos cidadáns, como o demostran os datos anuais de uso das webs do Concello:
. 3,3 millóns de visitas.
. 1,75 millóns de usuarios distintos.
. 10 millóns de páxinas vistas.
“Entre as webs monitorizadas resaltan o portal web municipal, que recibe o 52% dos accesos, o portal de Xuventude, co 15% dos accesos, e a web de Cultura, co 10% dos accesos. Entre as tres representan o 77% dos accesos ás páxinas web municipais, polo que case 8 de cada dez accesos dos cidadáns a webs municipais xa os fan a partir de agora a través das novas webs deseñadas baixo o manual de imaxe corporativo e con información unificada, o que facilitará o seu uso por parte do cidadán e permitirá unha mellora continua dos servizos que o Concello pon á súa disposición,” afirmou Galego.











