O Comité Directivo da CEP declara a ilexibilidade de José García Costas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O Comité Directivo da CEP decidiu esta tarde por maioría “excluír da relación de candidatos proclamados a D. José García Costas, ao ter perdida a condición de vogal, segundo acordo da Xunta Directiva de Asime do 18 de febreiro,” ao non reunir os requisitos de elixibilidade que esixen os estatutos e o regulamento de réxime interno. Deste xeito, García Costas queda fóra do censo electoral “a todos os efectos, non podendo ser nin elixido nin elector”.

A decisión tomouse tras a lectura e consideración dun informe xurídico independente encargado para coñecer como afectaba a revogación da vocalía de José García Costas por Asime, rexistrada na CEP o 19 de febreiro.

O ditame conclúe que José García Costas, ao ter sido privado da súa condición de vogal de Asime, non pode participar no proceso electoral, nin como elector nin como aspirante, en función dos artigos 19, 51 e 52 dos estatutos, así como do artigo 21 do regulamento de réxime interno.

Consecuentemente, a elección do vicepresidente de Industria declárase en suspenso, quedando pendente dunha elección parcial, no prazo que se determine oportunamente.

Asímismo, o Comité Directivo anulou unha candidatura do sector de Territoriais, ao non figurar no censo electoral e carecer de condición de vogal.

Deste xeito, quedan dous candidatos á Presidencia, 6 ás tres vicepresidencias e 50 ás 37 vocalías do Comité Directivo, que concorrerán, ás eleccións do próximo xoves 26 de febreiro.

23 de febreiro de 2015 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.