O comité de Povisa esixe implicación inmediata ao Sergas no ERE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Rolda de prensa do Comité de Povisa

Rolda de prensa do Comité de Povisa

O comité de Povisa comunicou que o concerto que a dirección do hospital asinou co Servizo Galego de Saúde (Sergas) establece que a empresa non pode subcontratar” servizos sen contar coa “autorización expresa” da Administración, e por iso esixiu á Xunta a súa implicación “total e inmediata” no ERE, polo que se prevé o despedimento de 56 traballadores.

Nunha rolda de prensa este venres, o comité de empresa de Povisa indicou que, tras varios meses dende a firma do concerto, recentemente puideron acceder ao acordo a través dun enlace de Internet, aínda que consideran que o documento está incompleto.

Tal e como trasladaron, neste escrito hai un artigo no que se especifica que “Povisa non poderá acordar con terceiros a cesión dos dereitos e obrigas derivados do contrato sen a autorización expresa da administración contratante”, é dicir, que “Povisa non pode subcontratar” servizos como limpeza, rehabilitación control de visitas e telefonistas, explicaron.

Todo iso, salvo que conte coa autorización da administración. ” Como é posible acordar cun hospital a prestación de servizos e á súa vez subcontratar? Non se pode facer, e a administración non debe dar autorización para subcontratar ningún servizo”, sentenciaron.

Sobre a base deste artigo, os traballadores manifestaron que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “xa non pode dicir que a administración non se pode involucrar”, como expresara o pasado 16 de xaneiro. “Con esta disposición non ten escusa, a súa implicación ten que ser total e inmediata”, insistiu.

Así as cousas, os traballadores organizaron unha concentración o próximo día 17 ás 10,00 horas diante do edificio da Xunta, para esixir que non se permita a subcontratación de ningunha actividade sanitaria ou non sanitaria, que non desapareza ningún servizo e que o ERE non se chegue a aplicar.

RECOLOCAR O PERSOAL

En relación ao ERE, o comité criticou este venres que, malia as negociacións e ás propostas que trasladou á empresa dende a comunicación desta medida, a dirección “non está disposta a rebaixar o número de despedimentos”, que ascenden a 56, dos que 34 foron xustificados por causas económicas e 12 por razóns organizativas.

En concreto, trátase de 14 empregados de limpeza (co que desaparecen os traballadores de limpeza propios do hospital), 5 telefonistas (desaparece este servizo), 5 de control de visitas (desaparece este servizo), 10 fisioterapeutas, 12 celadores, 3 administrativos de arquivo e 7 administrativos de recepción (catro deles de secretaría clínica, que desaparece como servizo).

Así, os representantes dos traballadores, que recalcaron que “non sobra ninguén”, indicaron que propuxeron á empresa recolocar o persoal de categorías afectadas en función da súa formación e, en caso de que non teñan a formación axeitada ao novo posto, que se lle facilite tempo e medios necesarios para adquirila.

Ademais, formularon a recolocación do persoal afectado nos postos que actualmente están cubertos por persoal eventual e recolocar os administrativos nas plantas e servizos onde se pode mellorar a calidade poñendo máis atención ao paciente.

Acerca do colectivo de celadores, cuxa figura en planta explicaron que a empresa pretende facer desaparecer argumentando que son postos “baleiros de contido”, aseguraron que as súas funcións “están vixentes” e propuxeron que aqueles que teñan titulación superior se lles cambie de categoría e que se manteña o resto ata que se vaian xubilando.

O ERE “NON TEN SENTIDO”

Segundo comentaron, a empresa non presenta un cambio nas negociacións, que teñen como prazo de finalización o próximo día 21, e non van estudar a proposta” do persoal, pois, aseguraron, a empresa comunicoulles que se recolocan os traballadores meterán na bolsa de despedidos a outros empregados.

Por todo iso, o comité reiterou o seu “total rexeitamento” ao ERE, que considera que “non ten sentido e non procede”, cando a empresa rexistrou “11 millóns de beneficios” en 2013 e tamén obtivo beneficios en 2014 – “menos, pero tamén tivo beneficios”, aseguran-. Ademais, criticou que, mentres vai facer este ERE, a empresa vai ampliar a quinta planta do hospital, co que crearán 22 cuartos con dúas camas cada unha.

Finalmente, o persoal, que agradeceu o apoio de varios partidos políticos e de “todos os grupos parlamentarios menos o PP”, reprobaron que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, aínda non lles concedeu unha reunión malia que lle enviaron peticións en varias ocasións.

POVISA REAFÍRMASE

Pola súa banda, fontes da empresa xustificaron en declaracións que a externalización de servizos “en determinados casos, achega o servizo ao cidadán” e, de feito, recordaron que algúns servizos xa están a ser subcontratadas polo Sergas. “Nós traballariamos con servizos cos que traballa o Sergas”, aseveraron.

Ademais, remarcaron que en todo caso se garantirá a “atención e a calidade” dos pacientes. De feito, sinalaron que con todo iso se poderá “reducir os desprazamentos” e se mellorará “moito o confort do paciente”, en relación ao que puxeron como exemplo a fisioterapia banal -aquela na que se atenden a pacientes que non presentan lesións graves, como escordaduras-.

Respecto ao ERE, as mesmas fontes insistiron en que “o hospital ten que gañar competitividade, para poder ser viable a longo prazo”, pois prevé rexistrar 5,4 millóns de euros en perdas en 2015.

Por isto, Povisa formulou varias medidas que afectan a “servizos non esenciais” e permitirán aforrar 370.000 euros, entre as que se inclúe a aplicación do Expediente de Regulación de Emprego e a negociación con provedores. Neste sentido, transmitiron que a recolocación de persoal “non solucionaría o problema”.

6 de febreiro de 2015 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.