O CIM de Vilagarcía convoca unha nova maratón fotográfica pola igualdade de xénero no mundo laboral
O Centro de Información á Muller (CIM) convocou á sétima edición da Maratón Fotográfica Pola Igualdade de Xénero no Mundo laboral, un certame que se organiza anualmente no marco dos actos conmemorativos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. A proba terá lugar durante toda a xornada do sábado 7 de Marzo e as tres mellores imaxes serán premiadas con 200 euros. O concurso está aberto para fotógrafos non profesionais e os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 2 de marzo. Tanto as bases como o formulario de inscrición poden ser consultados e baixados da web municipal.
O concurso de fotografía desenvolverase do mesmo xeito que os anos anteriores. Os participantes deberán ilustrar coas súas fotografías os temas que se lles darán a coñecer o mesmo día 7 de marzo nos sucesivos controis. Con todo o material, o Concello organizará unha exposición na que tamén se darán a coñecer os traballos gañadores.
Os participantes só poden ser afeccionados, non profesionais da fotografía, de calquera idade, tendo os menores de idade que contar con autorización paterna. A inscrición pode realizarse persoalmente na Área de Igualdade, nos baixos da Casa Consistorial; por correo electrónico ( muller@vilagarcia.es ) ou mesmo por fax (986 512 226).
O xeito de participar será con cámaras dixitais, as fotos entregaranse en arquivo JPEG e tamaño mínimo de 20×30 cm., e resolución de 300 ppp. Ao remate da Maratón se lle entregará a cada participante un soporte dixital onde gardarán as fotos a concurso para o que se lles facilitará o acceso a ordenadores. Logo disto, o soporte será introducido por cada un/unha dos/das participantes nun sobre pechado no que deberá figurar o número de identificación que se lles asignou ao comezo da Maratón.
A saída será ás 10,30 horas do día 7 de marzo na Casa de Cultura de Carril.
Neste intre elixiranse os tres temas obxecto das fotografías, entre varios sobres pechados con distintas propostas e entregaráselles aos participantes o seu número de identificación que deben ter con eles durante toda a proba. O seguinte control será na Casa de Cultura de Vilaxoan ás 13,30. O final será entre as 18:30 e 19:00 horas no auditorio de Vilagarcía.
A Maratón Fotográfica foi medrando en participación co paso dos anos. Na pasada edición concursaron 37 persoas de idades de diferentes idades procedentes de Vilagarcía a outros municipios da comarca e de municipios veciños como Santiago, Ames, Moaña ou Vigo.











