O CHUS admite fallos nos circuítos de expedientes dos enfermos de hepatite C

Europa Press

A Xerencia de Xestión Integrada da área sanitaria de Santiago admitiu este mércores que houbo casos tramitados de enfermos de hepatites C anteriores aos novos criterios de acceso a tratamentos nos que “se detectaron fallos nos circuítos” dos seus expedientes, os cales “xa foron revisados e emendado”, pero “nunca extravíos”.

Este mércores, a plataforma galega de enfermos de hepatite C denunciou que teñen constancia do extravío doutro lote de expedientes de pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que se suma aos oito casos xa dados a coñecer nos últimos días.

En resposta a estas afirmacións, a xestión da área de Santiago emitiu un comunicado no que sinalou que este mércores houbo unha reunión da dirección do centro con hepatólogos, infectólogos e farmacéuticos do CHUS, tras a que “se pode afirmar con rotundidade que todos os doentes de este área sanitaria están correctamente identificados e seguidos”.

Na rolda de prensa celebrada este mércores, o voceiro da plataforma, Quique Costas, criticou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) por non aplicar as últimas actualizacións do Ministerio de Sanidad, que son máis inclusivas e abren o abano de casos para ser tratado, polo que “centos de pacientes” galegos non están a recibir tratamentos aos que, segundo expón esta plataforma, xa teñen dereito.

Sobre este extremo, a área de xestión de Santiago asegura que se “están xa a dispensar os novos tratamentos contra a hepatite C a doentes afectados con esta patoloxía”. “Todos aqueles pacientes atendidos que o necesitan, segundo os criterios definidos e publicados pola Axencia Española do Medicamento, teñen xa tramitada a solicitude para a dispensa dos seus fármacos”, agregan.

4 de febreiro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.