O Centro Verde de Monforte xestionou 91.000 quilos de residuos durante o ano pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Medio Ambiente informa que o Centro Verde de Monforte xestionou durante o ano 2014 un total de 91.347 Kg. de residuos procedentes da industria.

O Centro Verde é o lugar idóneo para depositar aqueles residuos que, sen alcanzar a categoría de perigosos, non encaixan na recollida convencional. Neste tipo de centros recóllense os residuos producidos por empresas e autónomos, para a súa posterior entrega ós xestores autorizados.

Os datos do ano 2014, segundo o tipo de material depositado, son os seguintes:

Voluminosos: 76.520 Kg.

Papel: 65 Kg.

Madeira: 8.360 Kg.

Vidro: 100 Kg.

Plástico: 460 Kg.

Metais: 700 Kg.

Fluorescentes: 2 kg.

Equipos electrónicos: 200 Kg.

Aceite vexetal: 4.940 Kg.

O Centro Verde, situado no polígono industrial do Reboredo, comezou a prestar servizo a finais de novembro do ano 2013. As súas instalación destínanse á recepción de residuos industriais, procedentes de empresas e/ou autónomos, e o horario de apertura das instalacións é de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

As funcións dun centro verde son as seguintes: admisión e rexistro dos residuos industriais non perigosos e dos residuos especiais non perigosos; clasificación dos residuos e almacenamento separado segundo a súa natureza; optimización dos custos de recollida dos residuos, o que redunda nun beneficio para o seu produtor; transporte dos residuos industriais non perigosos almacenados na instalación ata os destinos finais: empresas de reciclaxe ou xestores autorizados.

O Centro Verde de Monforte ocupa unha superficie de 3.687 metros cadrados e está deseñado para que as empresas podan depositar residuos especiais como: tinta, tóners, disolventes, illantes, aceite mineral e vexetal, pilas, pilas botón, aerosois, baterías, lámpadas e fluoresecentes. Tamén xestiona residuos non perigosos como: madeira, papel e cartón limpos, plásticos e embalaxes limpos, chatarra, vidros e parabrisas, caucho, coiro, electrodomésticos e voluminosos.

27 de febreiro de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.