O Centro de Artesanía e Deseño acolle un concerto especial gratuíto de piano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, acollerá este xoves, a partir das 19:00 horas, o concerto gratuíto Profunda amistad, do xove músico e compositor begontino Adrián Vigo. Este espectáculo musical é un paso máis na traxectoria musical deste lugués, a quen a música lle serviu de terapia dende moi cativo, así como unha oportunidade de darse a coñecer en estilos diferentes dos que normalmente adoita interpretar, onde se decanta pola música de baile.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, asistirá a este recital, xa que se enmarca dentro da aposta do organismo provincial e do CENTRAD polo traballo dos artistas noveis da provincia.

Música totalmente saída do corazón. Así define Adrián Vigo o seu primeiro traballo discográfico, que dá nome a este concerto, e que consta de 10 composicións propias en homenaxe a todos os que apoiaron ao compositor durante a súa andaina musical.

Profunda amistad engloba, entre outros estilos, baladas, ritmo pop-rock, bossanovas, e rumbas, onde predomina a voz e o piano. Acompañado polo mestre David Taboada, Adrián Vigo ofrecerá un concerto onde os asistentes poderán gozar da rumba “Unha sensación unida”, da balada “El corazón de una estrella” ou do vals “Davaine”, entre outros temas. A entrada é libre ata completar aforo.

25 de febreiro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.