O auditorio da Ágora acolle unha nova sesión de Poetas Di(n)versos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Cultura informa de que o próximo luns, 9 de febreiro, ás 20.30 horas, o auditorio do centro Ágora acolle unha nova sesión do ciclo Poetas Di(n)versos con dúas mulleres: a viguesa Marta Dacosta e a portuguesa Ana Luísa Amaral.

A poesía de ambas as dúas autoras comparte un forte sentido do compromiso coa palabra, co seu tempo histórico e o seu pensamento. Marta Dacosta e Ana Luísa Amaral aproveitarán para presentar as súas máis recentes novidades editoriais, tituladas Dun lago escuro, no caso da escritora galega, e Escuro, no caso da portuguesa.

Marta Dacosta é unha autora encadrada pola crítica na Xeración dos 90 tras nove libros de poesía que lle valeron galardóns como o Martín Códax, Figurante ou o premio Miguel González Garcés da Diputación da Coruña. Licenciada en filoloxía galego-portuguesa, poemas seus foron traducidos ao castelán, catalán, ruso e inglés, e puido mostrar o seu traballo en encontros celebrados en Brasil, Cuba ou Irlanda.

Ana Luísa Amaral é unha grande experta en Emily Dickinson e traballa como docente e investigadora na Universidade de Porto. É autora de máis de 20 libros, tanto de prosa coma de teatro, literatura infantil ou poesía. Algunhas das súas publicacións editáronse tamén en Brasil, Francia, Suecia, Holanda, Venezuela, Italia e Colombia, conseguindo premios como o Correntes d’Escrituras, o Giuseppe Acerbi en Italia ou o Gran Premio de Poesía da Asociación Portuguesa de Escritores.

As lecturas dos seus textos serán conducidas por Yolanda Castaño, directora deste ciclo impulsado polo Concello da Coruña. Haberá exemplares dos libros á venda para poder solicitar ás autoras as súas firmas. O acto estará aberto a todo o público interesado, que poderá descubrir en vivo e en directo a forza da palabra interpretada polas súas propias autoras.

O segundo trimestre de Poetas Di(n)versos -o único ciclo estable en toda España que conta regularmente con poetas locais e internacionais e que foi galardoado co Premio da Crítica Galicia á mellor iniciativa Cultural- concluirá o 2 de marzo con dous grandes da poesía galega e norteamericana: a Medalla Castelao, Luís González Tosar, e o poeta laureado dos EUA Robert Pinsky. Todas as sesións de Poetas Di(n)versos teñen unha duración aproximada dunha hora.

7 de febreiro de 2015 | 15:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.