O Alcalde da Cañiza entrega os diplomas do curso de monitores de actividades de tempo libre

Entrega de diplomas
Os veciños da Cañiza que participaron neste curso impartido pola ETL Fervenza xa teñen a titulación oficial expedida pola Xunta de Galicia que lles permitirá desenvolver oficialmente actividades con mozos (ata 30-35 anos) dentro do marco de Ocio e Tempo Libre e que lles abre unha nova vía de acceso ao mercado laboral e tamén oposicións segundo manifestou o Alcalde, Miguel Domínguez.
Os participantes do curso, a maioría da Cañiza, cumpriron cunha parte teórica de 200 horas desenvolvidas nas instalacións da Aula de novas Tecnoloxías CEMIT da Cañiza e unha parte práctica de 150 horas que compartiron con nenos nos obradoiros de Nadal e en actividades extra escolares nos centros educativos da Cañiza.
Esta titulación é obrigatoria por normativa para o desenvolvemento de actividades con mozos pero ademais presenta unha gran cantidade de saídas profesionais ademais de ser baremable para a consecución de postos de traballo e oposicións. Así púxoo de manifesto o Alcalde na entrega de diplomas quen afirmou ademais “que dende o Concello se seguirán traballando para ofertar aos nosos mozos todas as opcións posibles de formación complementaria, en consonancia coa aposta que dende o Concello se está a facer pola excelencia e calidade educativa”.











