O Ágora acolle o vindeiro trimestre unha nova tempada do ciclo Ilusiooóh!n
A Concellaría de Cultura informa de que Antonio Díaz, o Mago Pop, abre a nova tempada de Ilusiooóh!n, que se celebrará durante o próximo trimestre no centro Ágora. Este ciclo reúne espectáculos multidisciplinares onde circo, danza acrobática e música en directo se fusionan para ofrecer propostas cargadas de forza e sensibilidade.
Esta tempada de Ilusiooóh!n componse de tres espectáculos onde gozar da fusión entre as artes escénicas, a música e as artes do circo. O primeiro dos espectáculos será o 28 de febreiro, ás 18.00 e 21.00 horas, con La gran ilusión, de Antonio Díaz, o Mago Pop, un espectáculo onde a maxia transcorre dentro dunha historia e que obtivo multitude de galardóns: Premio Nacional de Maxia, Premio Noites de FETEN 2014 e Premio do público de La Mostra d’Igualada.
O seguinte espectáculo do ciclo que acollerá a Ágora é The Funamviolitas. Será o próximo 13 de marzo ás 11.30 horas (pase escolar) e ás 21.00 horas. The Funamviolistas florece como resultado do encontro de tres mulleres singulares. Unha historia que comeza con tres soledades e que a través da unión, a perseveranza e a amizade chegará á realización dun sono común. Tres músicos de corda, tres actrices que cantan, bailan e sobre todo, emocionan. O espectáculo combina con beleza e orixinalidade nun grande abano de disciplinas artísticas, creando unha fusión case máxica. The Funamviolistas recibiu varios recoñecementos: Mellor Espectáculo Musical Talent Madrid 2013; Mellor Espectáculo de Sala, Feira de Castela e León 2013; Recomendado pola Rede de Teatro Española; e Premio Max ao mellor espectáculo revelación 2014.
O próximo trimestre do ciclo Ilusiooóh!n pecharase o 10 de abril con dúas sesións de Heian, da compañía Cen do Sur, con pases ás 11.30 horas (pase escolar) e as 21.00 horas. Heian é un espectáculo multidisciplinar que combina circo, danza acrobática e música en directo. A obra describe unha viaxe cara a un estado emocional, onde o diálogo entre música, movemento e control corporal xerará un sendeiro de emocións que transportará ao espectador a un estado de calma.
As entradas para cada un destes espectáculos da Ágora pódense adquirir a través de venda anticipada, ata o día antes da súa celebración, por 12 euros (carné novo, maiores de 65 anos e desempregados, 10 euros; e o aboamento familiar 3, por 27 euros), ou o mesmo día da función (prezo único de 15 euros). As entradas pódense comprar a través das canles habituais:
. Despacho da praza de Ourense, de luns a venres (agás festivos), de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.
. Centro sociocultural Afundación, de luns a sábado (incluídos festivos), de 09.00 a 21.00 horas.
. Despacho do centro Ágora, unha hora antes de cada espectáculo.
. Televenda: 902 504 500 (de luns a sábado, de 08.00 a 22.00 horas).
. Venda online: www.servinova.com











