O 94,5% das firmas presentes na Feira de Oportunidades, Antigüidades e Artesanía da Estrada son galegas
O próximo día trece de marzo, o recinto feiral estradense, inaugurará o calendario feiral 2015, coa celebración do seu primeiro certame: 5ª Feira de Oportunidades do Comercio e 46ª Feira de Antigüidades e Artesanía. Será ás catro da tarde, cando o recinto abra os seus portas ao público, tendo lugar a inauguración oficial ás 18.00 horas.
Este primeiro certame, irrompe no calendario feiral estradense cun cheo absoluto de tres dos seus pavillóns, máis de 5.600 m2 de superficie expositiva. A Comunidade Autónoma de Galicia, achega o 94,5% das firmas presentes, levándose a palma a provincia de Pontevedra co 78%, seguida de lonxe pola da Coruña e Lugo, co 16%. Tan só un 6% dos expositores, chegarán procedentes do resto da península Ibérica e Portugal.
O 49% das firmas, situarase no pavillón cinco, copado polo comercio local, seguido polo 40% de firmas situadas no seis e o 11% no catro.
O comercio local, achega un total de vinte e tres firmas, entre as cales se encontra representado o sector do moble, relax, tapizaría, artesanía, téxtil, calzado, óptica, etc…
Para incentivar a afluencia de público ao recinto, o equipo organizativo en colaboración con varias das firmas presentes, realizará un sorteo de cinco vales de compra. Os devanditos sorteos, realizaranse a razón de un o venres e dous o sábado e o domingo, sendo públicos e celebrándose ás vinte e unha horas os tres primeiros e ás dezanove horas do domingo, os dous últimos. Os sorteos, efectuaranse no pavillón catro.
O recinto feiral terá un horario ininterrompido de dez a vinte e unha horas, agás o día trece que abrirá ao público de dezaseis a vinte e unha horas. A entrada para todos os visitantes será gratuíta.











