Normalidade nas estradas de Lugo tras a retirada de neve
A normalidade regresou ao longo da mañá deste martes á rede viaria da provincia de Lugo despois de que operarios e máquinas mobilizados pola Deputación provincial retirasen neve acumulada na calzada. Así o sinalou o deputado de Vías e Obras da Deputación de Lugo, Manuel Martínez, que confirmou que ás 12,00 horas xa se circulaba por todas as estradas de titularidade provincial “con total seguridade e tranquilidade”.
Martínez sinalou que na mañá deste martes as estradas “amenceron con cinco e dez centímetros de neve”. “Tivemos estradas cortadas pola mañá nos concellos de Pedrafita, Folgoso do Courel, Navia e Cervantes”, abundou.
“Neste momento estamos a abrir as últimas estradas en Cervantes, pero xa podemos dicir que se pode circular por todas elas con total seguridade e tranquilidade, obviamente atendendo ás condicións meteorolóxicas; hai que levar cadeas, hai que tomar unha serie de precaucións como a velocidade para evitar accidentes”, subliñou.
Ademais, Martínez quixo deixar claro que as vías provinciais “están todas abertas, están todas ben”, para engadir que dende as 6,00 horas se puxeron en marcha “22 máquinas quitaneves, doce pick ups, doce todo terreos e oitenta operarios”.
“Se non volve nevar, porque a neve tampouco tiña as condicións da anterior nevada, é menos dura e se dilúe máis doadamente, as estradas provinciais están abertas todas e pódese circular aínda que con precaución”, insistiu.











