publicidade hoxe

Navia de Suarna acollerá unha nova edición da tradicional Festa da Androlla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoNavia de Suarna
A-
A+
Presentación da Festa da Androlla

Presentación da Festa da Androlla

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, acompañado do Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández Fernández, e do Deputado de Cultura, Mario Outeiro, presentou este mércores no Salón de Actos do Pazo Provincial, a XXV Festa da Androlla, que conta cunha achega provincial de 1.500 euros.

Santos Ramos destacou que “esta cita, que se celebra dende hai 25 anos, pon en en valor os produtos tradicionais da provincia ao tempo que axuda a desestacionalizar o turismo no rural”. O Deputado de Cooperación valorou que “a Festa da Androlla recibe, de media, a 2.000 persoas todos os anos, o que axuda en certa medida a crear riqueza e a dinamizar o consumo local”. Nesta liña, Santos lembrou que “levamos colaborando con esta data dende o ano 2008, como facemos con moitas outras datas gastronómicas, co fin de impulsar o sector tradicional da provincia, un dos máis importantes da provincia”, valorou. José Fernández agradeceulle a colaboración ao organismo provincial e animou a xente a achegarse ao Concello a “desfrutar dun produto de calidade como a androlla de Navia de Suarna”.

As actividades arrancan o día 15 ás 10:00 horas cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e, ás 10:30 horas, abriran os stands participantes na xornada. Ás 13:00 horas, todos os visitantes poderán participar na degustación de Androlla na Praza da Vila, seguida por xantar popular ás 15:00 horas. Por último, ás 18:00 horas, terá lugar a actuación dun grupo de gaitas, coa que se clausura esta cita gastronómica. De media durante a xornada véndense entre 5.000 e 6.000 quilos de androlla, o que axuda a impulsar este sector, clave para a vila.

Gastronomía e tradición

A Deputación impulsa e fomenta o sector gastronómico e tradicional como un dos valores diferenciadores da provincia. Con esta premisa, a institución financia e organiza ducias de citas gastronómicas coas que contribúe a impulsar os produtos autóctonos da provincia lucense. Dentro desta liña de promoción inclúense a Festa da empanada de Chantada; a Festa do mel de Lugo; a Festa da Castaña de Folgoso do Courel; a Festa do berberecho de Foz ou a Festa da Cereixa de Ribas de Sil. A través deste apoio, a Deputación contribúe a xerar riqueza no rural ao tempo que aposta por preservar a gastronomía e a cultura propia da provincia de Lugo.

11 de febreiro de 2015 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.