Mos continúa a loita contra o desemprego contratando durante 6 meses a 30 traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Concello de Mos continúa coa súa intensa aposta polo fomento do emprego mediante a contratación de 30 traballadores de distintas categorías, segundo informou hoxe a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo. A administración local poderá contratar a esta trintena de traballadores gracias a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra para concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes ao abeiro do Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais 2015.

Os 30 traballadores divídense en 6 categorías do seguinte xeito: 5 operarios teitadores de asfalto, 4 operarios mantedores de redes de sumidoiros, 4 instaladores de tubos para conducción de gavias, 5 operarios mantedores de edificios, 10 operarios conservadores de parques e xardíns e 2 limpadores mantedores de piscina. O período de contratación será de seis meses a tempo parcial de 25 horas semanais.

Os requisitos que debían cumprir as persoas candidatas a estes postos eran ser desempregados non perceptores de ingresos ou perceptores de prestacións sociais coma o RISGA, RAE ou PREPARA. A contratación dos traballadores realízase directamente a través do Servizo Público de Emprego, SEPE, que foi quen se encargou de preseleccionar ós candidatos.

O proceso atópase nestes intres realizando os trámites previos para a contratación dos 30 traballadores.

Arévalo, rexedora local de Mos,  manifestouse satisfeita e optimista ante o índice do desemprego en Mos, que espera que “con accións coma esta de contratación de novos traballadores para o Concello e o repunte que parece que está a experimentar a economía a nivel nacional, as cifras do paro comecen a descender radicalmente”, dixo.

25 de febreiro de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.