Mos conmemora o Día Mundial da Radio con visitas á radio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Visita dos escolares

Visita dos escolares

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza unha serie de actividades a realizar con motivo do Día Mundial da Radio (13 de febreiro) e que consisten nunha visita á radio do Colexio de Sanguiñeda dirixida ó alumnado 3º curso de Educación Primaria e na iniciativa ‘Coñece a Radio Municipal’ dirixida a dous colectivos: o alumnado de 3º ESO e os maiores mosenses.

Respecto destas iniciativas a concelleira responsable das mesmas, Kely Monzón, decñarou que “as novas tecnoloxías e os medios de comunicación son un dos eixes centrais na nosa sociedade hoxe en día, a través de eles recibimos a maioría da información que nos chega e é a nosa labor empregalos como recurso ineludible para traballar con rapaces e rapazas diferentes contidos, apoiándonos nas facilidades que estes nos aportan. A radio en concreto é un medio estupendo para desenvolver múltiples habilidades pero tamén para desenvolver valores fundamentais entre os nenos e nenas e para motivar ós nosos maiores”.

Concretamente sobre a actividade na radio do CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda dirixida ós nenos e nenas de 3º curso de Primaria dicir que a Radio Escolar Sanguiñeda naceu no colexio Mestre Valverde Maio no ano 1987 con poucos medios pero con moita ilusión. Comezouse nesta data a traballar para poñer en marcha un proxecto que ano tras ano non fixo máis que medrar. A radio está presente en moitos dos momentos da xornada escolar, a música indica á entrada ó colexio,  o tempo do recreo e tamén o intre de marchar para casa. É por iso, que dende a concellería de Educación e Participación Cidadá considerouse de gran interese valorar o programa de radio creado no centro educativo Mestre Valverde Maio, achegando ó resto da comunidade educativa a dito centro coa posibilidade de participar nun dos seus programas de radio.

Os obxectivos desta iniciativa son dar a coñecer o traballo que se realiza dende a radio escolar de Sanguiñeda, achegar ó alumnado a un medio de comunicación, mostrar os beneficios que aporta a radio ó alumnado que participa e escoita a este medio, e fomentar valores como o compañeirismo, o traballo en equipo, o coñecemento da nosa lingua e as relacións interpersoais. Mediante esta saída os escolares participantes aprenderán como é o fincionamento dunha radio e adquirirán unha serie de beneficios tales coma maior desenvoltura á hora de expresarse, desfacerse da vergoña, traballo en equipo, compañeirismo, cooperación, colaboración, coñecemento da lingua, e mellora e fomento das relacións interpersoais. A actividade levarase a cabo o martes 24 de febreiro e o xoves 26 de febreiro a partir das 11.00 horas da mañá.

Respecto da visita do alumnado de 3º da ESO á Radio Municipal “Radio Mos”, que ten a súa sede nas instalacións da Axencia de Colocación, a edil Kely Monzón explicou que “dende esta concellería de Educación e Participación Cidadá consideramos de gran interese valorar a posta en marcha do novo recurso informativo e comunicativo co que contamos na localidade e que é a Radio Municipal, facilitando ós estudiantes de Educación Secundaria de Mos a posibilidade de asistir as súas instalacións, e colaborar nun dos seus programas en directo cos obxectivos de darlles a coñecer o traballo que se realiza dende a radio Municipal de Mos, achegalos a un medio de comunicación, amosarlles os beneficios que aporta a radio ó alumnado que participa e escoita este medio e fomentar neles valores como o compañerismo, o traballo en equipo, o coñecemento da nosa lingua e as relacións interpersoais”. 

Esta actividade estará dividida en dúas partes: a primeira de visita ás instalacións da Radio Municipal e presentación do equipo que traballa nela, así coma explicación da metodoloxía de funcionamento dun programa radiofónico diario; e a segunda de grabación dun programa-debate creado polo propio alumnado participante na actividade. Neste debate a metade do grupo deberá defender a perspectiva positiva dos medios de comunicación, e a outra metade, a perspectiva negativa dos medios de comunicación. Deberán realizar unha conclusión final en función das ideas que xurdiron no debate, e deste xeito pechar a grabación. Esta vista a Radio Mos levarase a cabo o vindeiro venres, 13 de febreiro, o propio Día Mundial da Radio, ás 10.00 horas da mañá.

Maiores

Por último os maiores mosenses poderán tamén coñecer a Radio Municipal de Mos, Radio Mos, igualmente o día 13 de febreiro pero a partir das 11.00 horas. Desta actividade dirixida á terceira idade do Concello poderán beneficiarse os maiores de 65 anos ou pensionistas maiores de 55 anos, tendo preferencia os empadroados en Mos.

Os interesados en participar poden inscribirse ata o vindeiro xoves, día 12 de febreiro, chamando ó número de teléfono 986 33 94 04.

6 de febreiro de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.