Metal Cluster potencia a través da matemática industrial a Innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Fundación Cluster Metalúrxico de Galicia (Metal Cluster Galicia) celebrou hoxe unha xornada sobre “Almorzos para a Innovación: Matemática Industrial e Supercomputación”, coa presenza de Dª. Peregrina Quintela Estévez, Directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e D. Javier García Tobío, Director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

María Alonso Pérez, Directora de Proxectos de Metal Cluster Galicia afirma que: “o obxectivo de Metal Cluster é traballar en innovación, buscamos impulsar a innovación no sector metalúrxico e consideramos de vital importancia que as empresas que representan a industria intercambien coñecemento cos centros de investigación galegos. Cremos que é de gran transcendencia para as empresas coñecer en profundidade as actividades que realizan e os servizos que poden ofrecer. Por iso, hoxe, neste almorzo, estivemos a ver as posibilidades de dous centros moi recoñecidos, como son ITMATI e CESGA. “

A xornada centrouse na Matemática Industrial no sector metalúrxico e a Supercomputación e outros servizos complementarios para a mellora da competitividade das pemes.

O obxectivo de ITMATI é aumentar a competitividade das empresas a través da transferencia de tecnoloxía matemática ao sistema produtivo. O fin último da matemática industrial é xerar innovación e creación de valor engadido para as empresas. Neste ámbito distínguense dúas áreas de aplicación: CAD (deseño asistido por ordenador) e CAE (enxeñaría asistida por ordenador), ambos os dous consisten na modelaxe, simulación ou predición do comportamento de dispositivos, produtos e procesos da enxeñaría e as ciencias aplicadas.

Dª. Peregrina Quintela destaca que: “este tipo de eventos é un instrumento que serve para facer de interface entre as Universidades, Centros Tecnolóxicos e empresas. O tecido empresarial galego está preparado para levar a cabo este tipo de iniciativas, que permite facilitar ás empresas o acceso a este tipo de tecnoloxías e a estas ferramentas matemáticas e computacionais”.

Dende CESGA consideran de especial importancia contribuír ao avance da Ciencia e a Técnica, mediante a investigación e aplicación de computación e comunicacións de altas prestacións, así como o aproveitamento doutros recursos das tecnoloxías da información. A computación de altas prestacións (HPC) é unha necesidade para competir no mercado, que fai referencia ao uso de servidores, clústeres e supercomputadores para tarefas científicas, de enxeñaría ou analíticas, que son particularmente intensivas en computación, uso de memoria ou manexo de datos.

D. Javier García resalta: “eventos como o organizado por Metal Cluster son de amplo interese para a difusión e posterior implantación de procesos como a simulación e modelización numérica nas nosas PEME. É de relevancia adaptar os recursos da computación para que poidan ser accesibles a calquera empresa independentemente do tamaño e da área”.

María Alonso, destaca: “a importancia de coordinarse correctamente entre as institucións para obter o maior rendemento e beneficio posible para a industria galega no programa da Unión Europea – Horizonte 2020.

6 de febreiro de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.