Memoria Histórica estuda vías extraordinarias para recorrer a sentenza da cruz do Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 estuda vías “extraordinarias” para poder recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que dá a razón ao Concello olívico e anula a resolución que ordenaba a retirada da cruz do monte O Castro.

Segundo explicou  o avogado da asociación, Guillermo Presa, se ben é certo que non cabe recurso ordinario contra esta sentenza, están a “estudar qué posibilidades hai de presentar un recurso de casación especial ou ben un de amparo ante o Tribunal Constitucional”.

O feito de que a sentenza contara co voto particular dunha das maxistradas é, segundo o letrado, “significativo da baixa calidade desta sentenza”. A ese respecto, Guillermo Presa recordou que a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Vigo, que ordena a retirada da cruz por considerala un símbolo fascista, estaba “moi clara, motivada e documentada”.

“Por iso chama a atención a inaceptable baixa calidade desta sentenza en comparación coa anterior. A do TSXG está sustentada no aire”, indicou o avogado da asociación quen, non obstante, recoñeceu que será “extraordinariamente difícil” conseguir agora un pronunciamento a favor da retirada da cruz.

Na sentenza do alto tribunal galego acéptase o recurso presentado polo Concello contra a orde de retirada da cruz, e apréciase que ese elemento xa está “desprovisto de simboloxía fascista”, ao tempo que se avoga por que se conserve como recordatorio dun “pasado superado que non debe volver repetirse”.

Unha das maxistradas da sala emitiu un voto particular, defendendo a sentenza do xulgado de Vigo, e advertindo de que a cruz debería ser retirada, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007.

10 de febreiro de 2015 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.