Medio Rural incide na necesidade de ser agricultor activo para recibir axudas da PAC
A directora do Fondo Galego de Garantía Agraria, Patricia Ulloa, participou esta mañá en Lalín na xornada A nova PAC 2015-2020, organizada por ASAJA Galicia. Durante a súa intervención, titulada Aplicación da nova PAC en Galicia, Patricia Ulloa informou aos asistentes sobre as axudas incluídas na solicitude única 2015, incidindo especialmente sobre a necesidade de que os solicitantes sexan agricultores activos e acrediten a súa actividade agraria.
En relación coa rexionalización e os dereitos de pago básico (DPB), expuxo as distintas rexións existentes en cada provincia, cómo se calcularía o valor dos DPB, e como se iría modificando cara ao 2019, na chamada converxencia.
Outros temas aos que fixo referencia a directora do FOGGA no seu relatorio son o pago verde (pago para prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente), o pago aos agricultores mozos, as axudas asociadas (a cultivos proteicos, a legumes de calidade, a vacún de leite, vacas nutrices e vacún de cebo, e a ovino e cabrún) e o Réxime Simplificado para Pequenos Agricultores, exceptuados de cumprir as esixencias do pago verde, e non suxeitos as penalizacións da condicionalidade nin á converxencia.
Na xornada tamén participou o director xeral de Producións e Mercados Agrarios do MAGRAMA, Fernando Miranda, que repasou na súa presentación os aspectos prácticos das axudas PAC 2015 – 2020. Ademais desta sesión en Lalín, pola tarde, a partir das 16:30 horas haberá outra sesión desta xornada en Carballo e nela tamén intervirán a directora do FOGGA e o director xeral de Producións e Mercados Agrarios do MAGRAMA .











