Medio Ambiente aposta polo seguimento ambiental para compatibilizar as actividades económicas e o respecto ao medio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

A directora xeral de Conservación da natureza, Verónica Tellado, salientou esta mañá que o Goberno galego –a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-, aposta por desenvolver unha labor de coordinación do seguimento ambiental, co obxectivo de compatibilizar o desenvolvemento da actividade económica, especialmente a portuaria no caso da área de Coruña, co respecto ao medio ambiente.

Tellado Barcia inaugurou hoxe o Foro Compatibilización da actividade portuaria e empresarial no territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, onde destacou que é unha responsabilidade das administracións velar por esa coordinación que tamén debe imperar nas propostas de accións futuras e na difusión de estratexias sustentables.

No caso concreto desta zona, a recente entrada en funcionamento das instalacións do porto Exterior en Punta Langosteira representa unha oportunidade para o desenvolvemento do tecido empresarial galego e das súas relacións comerciais, pero tamén un desafío común por avanzar no modelo de desenvolvemento sustentable.

Sobre todo tendo en conta – matizou a directora xeral- que a reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo constitúe un espazo intensamente humanizado, conta con cerca de 190.000 habitantes no eixo A Coruña- Arteixo- Carballo, onde se concentra máis do 40% da actividade económica de Galicia.

Por último, Verónica Tellado salientou a importancia de foros, como o inaugurado esta mañá porque son un marco de debate e de intercambio de ideas, no que se fixan puntos de partida para acadar retos comúns.

12 de febreiro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.