Marconsa executará a alternativa de ordenación do tráfico no contorno de Fexdega
A Xunta Local de Goberno aprobou na reunión de onte adxudicar a Marconsa a obra da Alternativa de ordenación do tráfico no contorno de Fexdega. A desta empresa era máis vantaxosa das tres ofertas que concorreron ao concurso xa que, ademais de rebaixar o prezo do contrato en 22.290 euros, tamén presentou melloras en materia de iluminación da zona e dotación de mobiliario urbano. A obra adxudicouse por importe de 89.162’89 euros e o prazo de adxudicación é de 2 meses.
O Concello promove o proxecto “Alternativa de ordenación do tráfico no contorno de Fexdega” co obxectivo de incorporar os viais interiores do recinto á rede viaria pública a efectos de implementar e mellorar as alternativas de circulación e facilitar o uso e acceso ás prazas de estacionamento dos dous aparcamentos públicos de Fexdega. A medida adóptase especialmente para promover o uso destes estacionamentos disuasorios que, pese a súa proximidade ao centro, están infrautilizados. O seu uso, tamén axudaría a desconxestionar o centro urbano do tráfico composto polos vehículos que circulan en busca de aparcamento.
Con esta obra ordenaranse as prazas de aparcamentos dianteiro e posterior do pavillón feiral e utilizaranse as rúas existentes como vías de circulación para busca de aparcamento e tránsito alternativo. Para completar este circuíto construirase un novo tramo de vía pública para completar a trama viaria.
Os traballos previstos consistirán, principalmente, en habilitar un acceso a pé e rodado dende Rodrigo de Mendoza (esquina Andaina) ao aparcamento posterior de Fexdega, e abrir outra vía de saída que conectará o aparcamento posterior coa avenida Rodrigo de Mendoza, pola vía que sae fronte as palmeiras.
Con estas medidas preténdese que resulte máis fácil acceder aos estacionamentos disuasorios, tanto a pé como en coche, e así animar aos condutores a usar esa gran superficie de aparcamento gratuíto co que se conta e que está pegado ao centro da cidade.
O proxecto inclúe ademais a construción da rede de sumidoiros de fecais para o servizo dos espectáculos esporádicos que se instalan na explanada.
Melloras na iluminación con luminarias e proxectores led, e colocación de papeleiras
As melloras ofertadas pola empresa a maiores do que se requiría no contrato son o subministro de 10 luminarias led de baixo consumo con todos os elementos precisos para a súa instalación nos viais laterais do aparcamento dianteiro de Fexdega. A empresa tamén asume a retirada dos farois que existen na actualidade nesta zona e o traslado dos mesmos ás dependencias municipais de Obras para ser reutilizados noutras zonas.
Marconsa tamén proporcionará e instalará 3 proxectos led de 175 watios para colocar nos báculos situados fronte o aparcamento da explanada dianteira. E por último, subministrarán e instalarán no aparcamento 4 papeleiras de aceiro galvanizado.
Tras a adxudicación das obras, esta semana procederase á firma do contrato entre a empresa e o Concello, para deixar vía libre ao inicio das obras que se financian a través do Plan Urxente de Servizos e Instalacións Municipais (PUSIM) 2014, da Deputación Provincial de Pontevedra.











