Máis dun centenar de persoas participarán nas xornadas “Educando en Igualdade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Máis dun centenar de persoas participarán nas Xornadas Municipais de Educación “Educando en Igualdade”, que a Concellería de Educación do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, organiza coa colaboración da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña (UDC) e do Valedor de Pobo. Estas xornadas educativas, de carácter gratuíto, celebraránse os días 26 e 27 de febreiro, e 5 e 6 de marzo e terán lugar no Salón de Actos do Campus de Ferrol e a Aula Magna da Facultade de Humanidades.

A programación inclúe talleres, seminarios, conferencias e coloquios nos que se abordarán temas como as relacións familiares e educativas, os menores e as novas tecnoloxías, o papel das familias na educación, o acoso escolar ou bullying, e a prevención da violencia de xénero no ámbito educativo. As Xornadas municipais de Educación “Educando en Igualdade” están dirixidas a profesorado dos centros educativos ferroláns; profesionais do ámbito educativo, xurídico e sociosanitario; persoal traballadora nas empresas/entidades ao servizo do Concello de Ferrol participantes no programas educativos municipais (actividades extraescolares, comedores escolares, Xadrez nas Escolas…); asociacións de nais e pais de alumnado ou familiares. Tamén están indicadas para titulados e estudantes da universidade. Neste senso, certificarase a asistencia por parte da Universidade da Coruña, sempre que a participación en termos de asistencia sexa dun mínimo do 85% das xornadas.

Programación

Así as cousas, a programación completa de actividades para estas Xornadas municipais de Educación “Educando en Igualdade” é a seguinte:

Xoves, 26 de febreiro de 2015:

– 17.00 h. Acto inaugural das xornadas. Esta prevista a asistencia do alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, Araceli Torres. Haberá unha actuación musical a cargo de profesores e alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol – Xan Viaño.

– 17.15 a 20.00 h. Taller-Seminario sobre “Relacións familia-fillos/as e relacións profesorado-alumnado. Outros escenarios educativos: actividades extraescolares e outros servizos”, a cargo de Jaume Carbonell Sebarroja, director da revista Cuadernos de Pedagogía (1997-2012); e autor de diferentes publicacións e artigos sobre escola, educación e renovación pedagóxica.

Venres, 27 de febreiro de 2015:

– 17.00 a 18.30 h. Conferencia-Coloquio: “Menores e novas tecnoloxías. Unha responsabilidade compartida”, coa participación de Daniel Neira Barral, responsable da Área de Novas Tecnoloxías da Oficina do Valedor do Pobo; e Antonio Rial Boubeta, profesor titular da Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do proxecto “Mocidade on line”.

– 18.30 a 20.00 h. Conferencia-Coloquio: “¿Que se aprende dentro e fora da escola? O papel da familia e doutros axentes educativos”, a cargo de Jaume Carbonell Sebarroja.

Xoves, 5 de marzo de 2015:

– 17.00 a 21.00 h. Taller-Seminario: “Acoso e violencia escolar. Estratexias de prevención, avaliación temperá e intervención en casos de Bullying”, con Iñaki Piñuel y Zabala, profesor titular da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Alcalá; autor de diferentes publicacións e artigos sobre violencia, acoso escolar e bullying.

Venres, 6 de marzo de 2015:

– 17.00 a 18.00 h. Obradoiro: “Educar e coeducar: prevención da violencia de xénero nos espazos educativos”, impartido por “Sara Vierna Fernández, Educadora social e axente de igualdade. Socia de Sinergias-Intervención Social.

– 18.00 a 20.00 h. Conferencia-Coloquio: “Estratexias para avaliar e previr o acoso e violencia escolar ou bullying”, con Iñaki Piñuel y Zabala.

23 de febreiro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.