Máis de media ducia de buques buscan refuxio no porto de Vigo
Máis de media de ducia de buques encóntranse a estas horas fondeados en augas do Porto de Vigo, como consecuencia do temporal que estes días axexa á costa galega.
Trátase do Spica Leader, fondeado na zona interior do Porto, e que onte mesmo cargou 1.400 vehículos con destino Sherness e Zeebrugge; o Ara Amsterdam, ao abeiro das Illas Cíes e procedente de Caronte (Francia), á espera de que amaine o temporal para poñer rumbo a Kotka (Finlandia); o Thira, cuxa travesía dende Leixoes (Portugal) se viu interrompida polo mal estado do mar e cuxo destino é Antwerp (Bélxica); o FRI Porsgrunn, procedente de Aveiro (Portugal) e con destino Breke (Alemaña); o MSC Santhya, con orixe Leixoes (Portugal) e Antwerp (Bélxica) como próxima parada; o Thorco Atlantic, procedente de Las Palmas e a espera de poñer rumbo a Dinamarca; e o Ocean Primus.
Esta imaxe é xa habitual nas augas viguesas, cuxas 14.000 hectáreas serven de abrigo a decenas de buques que se ven obrigados a interromper a súa travesía como consecuencia do mal tempo. De feito, fronte ás Illas Cíes existe un fondeadoiro para case unha vintena de buques de gran calado, tanto como lugar de refuxio en caso de condicións adversas, como punto de espera antes de operar no Porto.











