publicidade hoxe

Máis de 90 persoas preséntanse á convocatoria para cubrir unha praza de auxiliar administrativo interino en Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda informou esta mañá de que un total de 93 persoas presentaron a súa instancia solicitando tomar parte nas probas selectivas para cubrir, mediante oposición libre e con carácter interino, unha praza de auxiliar administrativo por acumulación de tarefas. A cifra aínda pode medrar, xa que tamén se podía presentar a instancia nos rexistros oficias da Xunta de Galicia. O prazo pechábase esta mesma mañá e, o paso seguinte, será a aprobación da lista de admitidos e excluídos no Taboleiro de Anuncios do Concello. Dada a urxencia e interinidade da contratación, de non existir excluídos, a lista consideraráse como definitiva. En caso contrario, disporán dun prazo de dous días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da lista, para poder corrixir ou emendar o defecto motivo da exclusión. De producirse reclamacións adoptaráse novo acordo estimándoas ou desestimándoas coa publicación da lista definitiva, igualmente no Taboleiro de Anuncios.

O Tribunal cualificador estará integrado polo secretario da corporación como presidente do mesmo; a interventora municipal e dous administrativos actuarán como vogais e un técnico de xestión do Concello como secretario.

O procedemento de selección será por oposición libre e consistirá na realización de tres probas de capacidade e aptitude, obrigatorias e eliminatorias; a terceira proba en galego. E, unha vez rematada a cualificación dos aspirantes, o Tribunal publicará, no Taboleiro de edictos, a relación de aprobados e formulará proposta de nomeamento a favor da persoa que teña a mellor puntuación.

6 de febreiro de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.