Máis de 50 actividades para celebrar os 10 anos da cultura preventiva de Previsel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseOurense
A-
A+

Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral cumpre dez edicións fomentando a cultura preventiva e para celebralo presenta un completo programa con máis de 50 actividades entre as que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados colectivos como o persoal sanitario, os viticultores ou os traballadores do granito, entre outros. Previsel convértese así no espazo elixido por distintas entidades para impartir formación en prevención e riscos laborais. A 10ª edición de Previsel terá lugar en Expourense o martes 10 e o mércores 11 de febreiro.

Esta cita foi presentada esta mañá en Expourense polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, polo director do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López, e pola directora adxunta de Expourense, Emma González. Os tres destacaron que “Previsel está consolidado como o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención”. Ao final deste acto sumáronse os distintos corpos de seguridade e emerxencias que están a traballar na organización so simulacro de evacuación de ameaza de bomba con incendio que terá lugar no recinto o martes 10 ás 13.40 h. e que contará coa participación coordinada de máis de 100 efectivos entre Policía Nacional, Local, Bombeiros, Protección Civil, 061 e AXEGA.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparán un salón dividido en dúas importantes áreas: exposición e xornadas técnicas. A primeira delas recolle unha mostra de produtos e servizos dispoñibles no mercado. En total, o salón contará con 44 expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de distintas asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e distintos servizos de seguridade e emerxencia.

Previsel é unha cita organizada por Expourense contando co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), un organismo autónomo integrado pola Administración Autonómica e por axentes sociais e empresariais.

NOVIDADES

Ademais do simulacro, destaca tamén este ano o programa de actividades organizado por TESGALICIA, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia que inclúen unha ducia de conferencias e obradoiros dirixidos na súa meirande parte a persoal sanitario e asistencial como é o caso dos cursos de inmobilización de pacientes politraumatizados, de protección de indicios de interese policial ou de rescate en altura, entre outros. Tamén organizan outras actividades dirixidas a público xeral como os obradoiros de RCP e primeiros auxilios ou de manexo de extintores.

Pola súa parte, FREMAP traerá ata Expourense una exposición sobre as ferramentas para mover a pacientes e persoas dependentes e impartirá obradoiros relacionados con este tema. Tamén organizarán unha exposición e actividades sobre a prevención de riscos eléctricos. Vencellado con isto, a empresa SAFE Formación desprazará ata Previsel unha unidade móbil de prevención de riscos eléctricos.

SECTOR PRIMARIO

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) continúa coa súa aposta pola formación en prevención de riscos entre os traballadores do sector primario. Nesta edición, organizarán dous seminarios. O primeiro deles será o día 10 de febreiro ás 12.00 h., e estará dirixido aos traballadores do sector vitícola. O segundo terá lugar o mércores a mesma hora e estará centrado na prevención de riscos no sector do granito. Entregarase diploma de asistencia a estas actividades.

XORNADAS E OBRADOIROS

O interese mostrado por todas as entidades integradas no comité asesor de Previsel, da como resultado que o salón poida presentar un completo programa de actividades que aborda a prevención dende unha perspectiva multidisciplinar. Ademais das xa mencionadas, destaca o seminario organizado pola Confederación Empresarial deOurense, CEO, baixo o título “Empresas saudables, prevención de lesións e Transtornos músculo-esqueléticos”.

Pola súa parte, a Consellería de Sanidade impartirá unha conferencia vencellada coa prevención e o control de enfermidades respiratorias como a gripe ou a lexionelose, ademais de organizar actividades permanentes como medicións antropométricas e cooximetrías co obxectivo de reducir o risco de obesidade ou de adicción ó tabaco.

Os sindicatos C.I.G e CC.OO. súmanse un ano máis a Previsel e organizan cada un unha xornada na que convocarán aos seus delegados e afiliados e que están abertas a todos aqueles que desexen acudir. A.C.I.G. participará cunha sesión que analizará o papel dos delegados en prevención nas empresas. Pola súa parte, CC.OO. analizará a nova lei de mutuas nas empresas.

A seguridade viaria será outro dos temas abordados. Previsel acollerá a presentación do “Plan de Mobilidade das empresas e bonificacións” que correrá a cargo da Dirección Xeral de Tráfico e unha conferencia sobre boas prácticas en seguridade viaria, impartida polo RACE. Vencellado con isto e como novidade nesta edición haberá un simulador de cinto de seguridade que atenderá o RACE.

Previsel tamén leva a cabo actuacións para sensibilizar á sociedade en xeral da necesidade de contar con formación en materia de seguridade. Así, o salón volverá contar cunha mostra sobre os distintos tipos de corpos que operan en Galicia e nesta ocasión estará centrada nos distintos departamentos da Policía Nacional. O obxectivo é que os visitantes do salón coñezan os medios de protección cos que contan para poder actuar en caso de auxilio ou preventivo en situacións de risco. Esta exposición compleméntase co Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias. Trátase dun vehículo dotado das máis modernas tecnoloxías, capaz de coordinar a todas as forzas ante calquera situación de emerxencia ou salvamento.

A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30. Entregarase certificado de asistencia.

Aqueles visitantes que se acheguen en tren ata Ourense para participar nas actividades de Previsel poderán beneficiarse dun 35% de desconto en todas as liñas de RENFE, AVANT incluído. O horario de apertura do salón será o martes 10 de febreiro de 10 a 14.00 h. e de 16.30 a 19.30 h. e o día 11 de 10.00 a 14.00 h.

6 de febreiro de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.