Máis de 400 usuarios do Lalín Arena benefícianse xa do servizo de saúde da unidade de promoción do exercicio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O edil delegado de Deportes sinala que no Lalín Arena tamén está a funcionar desde hai un ano e dun xeito moi favorable unha unidade de Actividade Física de Saúde; constátase a súa utilidade xa que unha porcentaxe elevada das persoas usuarias do Lalín Arena o fan por cuestións de saúde

Hai aproximadamente un ano a Concellería de Deportes considerou axeitado instaurar no complexo deportivo Lalín Arena unha área específica de Actividade Física e Saúde co obxectivo de poder atender de maneira individualizada ás distintas persoas usuarias que acoden ao multiusos Lalín Arena con todo tipo de inquietudes en relación á saúde, ao considerar que as ditas instalacións deportivas son un marco ideal para materializalas.

Así o explica o edil de Deportes, José Antonio Varela Quintela, que sinala que o “servizo concibiuse para resolver aos usuarios dúbidas do estilo, que estilo de natación é o que máis me convén para o meu problema, que exercicios de musculacións son os máis axeitados para fortalecer determinada parte do corpo, cantos días e que actividade debo realizar para reducir o meu peso corporal ou o médico díxome que fixese exercicio pero non sei por onde comezar”.

Varela Quintela remarca que “a súa posta en escena serviu para constatar a súa utilidade, xa que unha porcentaxe elevada que gozan dos servizos do Lalín Arena o fan por cuestións de saúde e demandan unha atención máis personalizada, por prescrición médica ou por propia iniciativa, buscando o máis axeitado para as súas motivacións, intereses e capacidades ou posibilidades”.

O departamento de actividade física e saúde ten como obxectivo fundamental o asesoramento, a orientación, a planificación e a supervisión das distintas actividades ou programas de saúde que levan a cabo no centro e a través del canalízanse as demandas de todas aquelas persoas que o solicitan, afirma. Para este fin disponse dunha estrutura organizada tanto no humano como no material e determínanse con claridade os programas e o modo de proceder de cada un deles, buscando a individualización en cada caso, coa efectividade e o rigor que iso conleva.

O usuario que o precisa, concerta unha cita co responsable do departamento que en primeira instancia leva a cabo unha entrevista na que achega un informe do seu médico (no caso de padecer algunha tipoloxía). En primeira instancia lévase a cabo unha valoración sobre a situación particular do usuario, posteriormente determínanse as pautas a seguir e prescríbese o tipo de actividade máis conveniente, orientando o usuario ao programa máis axeitado, con controis periódicos sobre a súa evolución.

ADHESIÓN AO PLAN GALEGO PARA O FOMENTO DA ACTIVIDADE FÍSICA E O DEPORTE

O edil de Deportes subliña que “paralelamente á instauración da área de actividade física e saúde no Lalín Arena consideramos axeitado tamén adherirnos ao Plan Galego para o Fomento da Actividade Física e o Deporte, un plan deseñado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, creado co obxectivo de combater o sedentarismo, crear estilos e hábitos de vida saudables, loitas contra a obesidade e as enfermidades asociadas a ela.

UPE LALÍN ARENA

Deste xeito a área de actividade física e saúde adquiriu o rango de UPE (Unidade de Promoción do Exercicio), distinción que outorga a Xunta de Galicia a instalacións deportivas que presentan unha determinada oferta de actividades e /ou servizos orientados cara a saúde e onde se traballa baixo o rigor técnico de estruturas organizativas e programas claramente definidos.

Varela Quintela precisa que dentro da UPE Lalín Arena funcionan actualmente unha gran diversidade de programas, tanto na modalidade acuática como en seco, como programas mixtos, que contan cun volume aproximado de usuarios superior aos 400, que se benefician deste servizo de saúde UPE Lalín Arena, un servizo máis dos que se ofertan aos usuarios, GRATUÍTO, isto é, incluído na cota do abonado.

Destes máis de catrocentos-indica-, un total de 50 usuarios se benefician do programa Aquagim (ximnasia acuática), un programa acuático de saúde, con dominio normal ou baixo do medio por parte do usuario e dirixido a persoas sans, en xeral, e tamén con enfermidades de diverso tipo, como patoloxías do aparato locomotor, do aparato respitario, do sistema cardiocirculatorio, endocrinas, vasculares, etc. para favorecer o traballo do sistema músculo-esquelético e das cualidades físicas básicas, a través de actividades ximnásticas do medio terrestre adaptado ao medio acuático.

Un total de 35 persoas son as que participan no Lalín Arena nas actividades acuáticas para maiores de 60 anos, un programa baseado na realización de distintos tipos de actividades dentro da auga, adaptadas á terceira idade e con patoloxías definidas como artrose, osteoroporose, etc.

En Aquafit (fitness e acondicionamento físico acuático), programa acuático establecido por niveis de condición física, entendendo que a mellor condición física, mellor estado de saúde (sen chegar a niveis de adestramento ou de alto rendemento), toman parte 62 persoas.

Nos programas que se desenvolven no medio terrestre (en seco) é o de sala de fitness cun total de 167 usuarios, seguido do programa de actividade física para maiores de 60 anos en seco, con 35 usuarios. O programa body balance, de recente creación, actividade dirixida por un técnico especialista que combina elementos propios da disciplina ioga, o tai chi e o pilates e que mellora a flexibilidade, a forza e que achega gran sensación de calma e benestar, conta xa con 33 usuarios. O body balance fundaméntase na realización de exercicios de respiración controlada, secuencias de estiramentos, movementos e poses adaptados á música que dan como resultado unha sesión holística que conduce a un estado de harmonía e equilibrio.

E no programa Global Active Streching (GAS), actividade de estiramento de toda a musculatura corporal para mellorar a elasticidade e resistencia de tendóns e ligamentos, mellorando ademais a calidade das fibras musculares, toman parte 27 usuarios.

PRÓXIMO PROGRAMA DE PERDA DE PESO

Varela Quintela anuncia que “estamos traballando no deseño dun programa de perda de peso, que ten como obxectivo como o seu nome indica a baixada de peso mediante a realización de actividades físicas saudables”.

O usuario terá un seguimento permanente por parte dun técnico que mediante unha balanza tipo tanita observa a evolución dos distintos parámetros relacionados co peso corporal, ao tempo que se lle asesora para a realización das actividades física máis convenientes e adaptadas ás características individuais.

Tamén se desenvolven programas mixtos (medio acuático-medio terrestre) que supoñen a combinación de calquera programa realizado no medio acuático e no complemento dalgún dos programas realizados no medio terrestre ou fóra da auga.

21 de febreiro de 2015 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.