Máis de 100 alumnos da ESO aprenderon en Mos como mediar en caso de conflito
A concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón impartiu hoxe no Instituto de Mos a charla titulada “Mediación: A riqueza do conflito”. Aactividade consistiu nunha charla taller onde houbo unha parte expositiva con introdución teórica ós contidos e as súas características, fomentando a participación activa e intervención dos/as destinatarios/as. Contou tamén cunha parte máis práctica e dinámica na que os mozos e mozas traballaron a través de dinámicas.
Os destinatarios e destinatarias desta actividade foron os/as alumnos/as de 1º da ESO do IES de Mos. En total 5 aulas, un total 101 destinatarios/as. Levouse a cabo hoxe ó longo de toda a mañá unha sesión de clase ordinaria (50 minutos), con cada unha das cinco aulas de 1º da ESO do IES por separado.
Sobre esta iniciativa Monzón explicou que “a miúdo pensamos no conflito dun xeito negativo, como algo que debemos evitar e do que debemos fuxir. Máis aínda cando se fala de disputas nos centros educativos, nos que son moitos os casos nos que o alumnado chega a agredirse de forma violenta verbal e fisicamente, podendo desencadear en situacións moi indesexables que non se deberían de dar. Sen embargo do que non nos decatamos é de que o conflito pode ser unha oportunidade para o enriquecemento persoal, onde aprender dos outros, procurando entender as diferentes perspectivas, respectando as opinións de tódalas partes de xeito que todas saian beneficiadas. Trátase dunha oportunidade para que xurda un punto de encontro entre partes que parecían opostas. O conflito pode ser moi enriquecedor si se resolve do xeito adecuado cos recursos e ferramentas pertinentes. Para poder sacar proveito dunha situación de confrontamento é necesario capacitarse das habilidades precisas e recoñecer as técnicas e habilidades que debemos desenrolar e adquirir, potenciando aquelas calidades de comunicación e comprensión e corrixindo aquelas que nos prexudican. É por iso, que dende a concellería de Educación e Participación Cidadá quixemos ofertar esta actividade para formar ós nosos/as xoves nas bases da mediación como método para solventar un conflito traballando aquelas habilidades precisas”, argumentou a concelleira.
Para todo isto, contouse coa colaboración de María Alonso e Ádega Castro, ambas licenciadas en dereito e cun mestrado en menores e outro en mediación. Ambas profesionais pertencen a Agadime, unha asociación sen ánimo de lucro, creada no ano 2011, e que dedica a súa labor a fomentar e desenvolver a mediación. Agadime está formada por un equipo multidisciplinar composto por tres abogadas e unha educadora e educador sociais.
Os obxectivos desta charla eran mellorar o xeito de resolver o conflito aportándolle unha connotación positiva, presentar o conflito como unha oportunidade para enriquecer perspectivas, traballar e desenvolver as habilidades sociais como base fundamental para unha boa relación cos demais, reflexionar acerca dos valores que nos conducen á paz, traballar casos prácticos reais de primeira man para entender o alcance da mediación e non asumila como algo utópico e dar a coñecer o procedemento nunha mediación e os pasos a seguir.











