publicidade hoxe

Máis de 1.700 veciños de Paradela xa poden acceder a internet co Plan de banda larga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaParadela
A-
A+

Un total de 1.783 veciños do concello de Paradela, que carecían de acceso a Internet, xa teñen acceso a este servizo grazas ao Plan de de Banda Larga da Xunta. As medidas do Plan, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), incrementaron a porcentaxe de poboación con acceso á Rede do 13,8% a máis do 98% neste concello lugués. Estas actuacións supuxeron un investimento público-privado de 372.199,57 euros nos últimos catro anos no concello de Paradela.

Unha das ultimas actuacións do Plan no municipio foi a entrada en funcionamento dunha infraestrutura do operador público Retegal na parroquia de Castro de Rei de Lemos, que posibilitou o acceso á internet a través de tecnoloxía 3G na parroquia e a máis de 230 veciños dos núcleos de Bacorelle, As Bustaregas, Carballedo, A Carballosa, Espino, O Mazo, Mide, Paredes de abaixo, Paredes de arriba, A Parrocha, Pereiro, O Sacadoiro, Uceira Branca, Val do Couto e Zouro.

Esta nova tecnoloxía 3G do Plan é na banda de 900MHz o que permite unha velocidade de conexión de ata 7Mbps.

Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso a Internet máis de 740.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2010. A día de hoxe, e grazas ao Plan, máis do 98% dos galegos xa dispoñen de acceso ao servizo de banda larga de calidade a través de redes fixas ou sen fíos.

O 2% restante dispón de cobertura de internet vía satélite, que está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

Por provincias a situación é a seguinte: en Lugo pasouse dun 54% de cobertura a máis do 98% a finais de 2014; en Ourense do 58% a máis do 98% mentres que na Coruña incrementouse a poboación con posibilidade de acceso á rede do 75% a máis do 98% e en Pontevedra do 78% a máis do 98%. O Plan reduciu significativamente a fenda dixital existente entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, que pasou dun 20% a menos do 1% no ano 2014.

Medidas do Plan

O plan, desenvolveuse de xeito progresivo nos núcleos da comunidade galega sen cobertura, nos que cuestións como a dispersión poboacional ou a orografía dificultan os despregamentos.

O Plan contemplou despregamentos de redes fixas e sen fíos e contou cun programa de axudas para a conexión vía satélite para aquelas zonas nas que non é posible facilitar o acceso á Internet con ningunha outra tecnoloxía. Estas medidas están destinadas á dotar de cobertura todos os galegos. Pero ademais o plan ten outro obxectivo que é impulsar a implantación na comunidade.de redes de Nova Xeración (NGAs) de máis de 100 Mbps de velocidade.

As actuacións do Plan desenvólvense en colaboración cos operadores Iberbanda, Telefónica e R que resultaron adxudicatarios de tres ordes de axuda, tras presentarse en réxime de concorrencia competitiva. Ademais, o programa de axudas para conexión vía satélite realizouse en colaboración con pequenas e medianas empresas provedoras deste servizo.

24 de febreiro de 2015 | 11:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.