Luz verde para a II edición do Festival Carballo InterPlay e para as bases do Concurso de webseries CIP15
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a realización da II edición do Festival Carballo InterPlay, así como as bases para a celebración do Concurso de webseries CIP15. O obxectivo da organización desta cita, despois do éxito acadado na primeira edición do festival (na imaxe), é o de crear unha estratexia para dotar ao Concello de Carballo dun elemento turístico diferenciador de enorme repercusión, capaz de actuar como elemento tractor de diferentes sectores económicos. O festival terá lugar do 16 ao 18 de abril e as webseries interesadas en participar poderán inscribirse a través do web do festival até o 2 de marzo de 2015. Poderán presentarse a concurso aquelas webseries producidas entre os anos 2013 e 2015 que teñan un mínimo de tres capítulos emitidos no momento da inscrición. Os episodios inscritos poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.
O xurado estará composto por diferentes profesionais do mundo das webseries do audiovisual e da cultura, así como por representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector. Os premios que reparte o festival son: mellor Webserie Imaxe Real: 800 euros e trofeo; mellor Webserie Animación: 800 euros e trofeo; mellor Webserie Internacional: 800 euros e trofeo; mellor Webserie VO Galego: 800 euros e trofeo; premio do Público: 400 euros e trofeo: premio AGAG Mellor Guión: 200 euros e trofeo; mellor Actriz: trofeos; mellor actor: trofeo. Os trofeos son obras orixinais do artista plástico David Méndez Alonso. Fóra da orde do día, e no apartado de contratación, recibiu luz verde o contrato administrativo especial para a “Concesión demanial da utilización privativa de bens de uso público municipal no casco urbano para a colocación de postos durante as festas patronais do San Xoán”. A adxudicación da concesión realizarase mediante procedemento aberto para a instalación de barracas, carruseis e demais postos, elementos e xogos exclusivos típicos de festa durante as Festas Patronais de San Xoán do Concello de Carballo correspondentes aos anos 2015 e 2016.
O único criterio de adxudicación será o factor prezo. Tamén en contratación aprobouse o expediente para os servizos de “Asesoría xurídica ao Centro de Información á Muller de Carballo”, así como unha prórroga do contrato actual polo período de duración do procedemento de licitación en curso. No apartado de subvencións, recibiu luz verde unha solicitude dunha axuda á Deputación provincial da Coruña para a limpeza de praias 2015 por un importe de 33.840 euros; así como a corrección de erros dunha solicitude de subvención á Xunta de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións locais utilizadas para a realización de actividades culturais 2015.
Por último, no apartado de convenios aprobouse un de colaboración co Concello de Arzúa para o reforzo do servizo da Policía Local durante a celebración da Festa do Queixo de Arzúa cun axente de Carballo; e se ratificou unha prórroga para o convenio coa Fundación Humana Pueblo para Pueblo para o fomento da reciclaxe de roupa usada e o comportamento sostible por un prazo de dous anos











