publicidade hoxe

Lousame abre o prazo de matrícula no curso de Educación de Adultos para obter o graduado en ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame abre o prazo de inscrición no segundo cuadrimestre do curso de Educación de Adultos, preparatorio para obter o graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Unha inscrición totalmente de balde e que se poderá facer ata o vindeiro 20 de febreiro no Concello de Lousame ou chamando ao teléfono 981 820 494.

Á espera dos resultados dos exames realizados a pasada semana, aos que se presentaron un total de 35 veciños, o Concello de Lousame abre agora o prazo de inscrición tanto para veciños e veciñas que empecen de novo como para aqueles que continúen coa súa formación nun dos catro módulos que compoñen o graduado en Educación Secundaria Obrigatoria. As clases comezarán o próximo mes de marzo na Aula de Educación de Adultos da Casa da Cultura.

Estes cursos de educación de adultos, que o Concello de Lousame leva organizando dende o ano 2005, son un xeito moito máis sinxelo e accesible para sacar o graduado en ESO fronte as probas libres que cada ano convoca a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Unhas probas ás que tamén poden acceder estes alumnos, sempre que se matriculen entre o 16 e o 27 de marzo no IES San Clemente ou no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. O próximo exame está convocado para o 29 de maio.

3 de febreiro de 2015 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.