López-Chaves eloxia o labor levado a cabo pola asociación “Rosa dos Ventos” en defensa dos dereitos dos traballadores do mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
López Chaves gaba a labor da asociación Rosa dos Ventos

López Chaves gaba a labor da asociación Rosa dos Ventos

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, eloxiou esta mañá o labor levada a cabo pola Asociación de Mulleres de Mariños de Galicia “Rosa dos Ventos”. Unha organización sen ánimo de lucro dedicada á defensa dos dereitos do mariño que, dende o ano 1991, presta os seus servizos de asesoramento nun local cedido pola propia Autoridade Portuaria nas inmediacións do Porto Pesqueiro.

Xunto a ela, López-Chaves referiuse tamén ao Apostolado do Mar que, representa á Igrexa no mundo marítimo e que, a través dos seus centros Stella Maris, pelexan día a día por conseguir o respecto da dignidade do home do mar, tanto no lugar de traballo coma na súa vida familiar.

Ambas as dúas organizacións asinaron esta mesma mañá un convenio de colaboración co despacho Balms Abogados Consultores co obxectivo de conceder asistencia xurídica gratuíta aos traballadores do mar en defensa dos seus dereitos.

Trátase dun convenio que establece o réxime de colaboración entre Rosa dos Ventos, o Apostolado do Mar e o despacho de avogados Balms, para a prestación de servizos de asesoramento xurídico.

A través deste convenio, Balms levará a cabo asesoramento xurídico gratuíto a aqueles mariños vinculados a Rosa dos Ventos e Apostolado do Mar que estean en situación de necesidade.

O asesoramento fomentará e apoiará a promoción dos traballadores do mar para unha maior formación e información en relación ás leis laborais e sociais do sector marítimo. Informará, ademais, aos asociados de asuntos puntuais ou graves que poidan afectar ao mundo marítimo, así como calquera tipo de normativa ou proxecto en relación co sector.

Para López-Chaves, trátase “dun paso moi importe” para un sector “de vital importancia”, como é o da pesca, cuxos traballadores desempeñan “un traballo moi duro e sen protección social nin dimensión de xustiza”.

Neste sentido, o máximo responsable portuario aplaudiu o “esforzo” de ambas as dúas organizacións, representadas pola Delegada Diocesana do Apostolado do Mar e responsable de Stella Maris, Mª del Carmen Grobas, e pola coordinadora de Relacións Nacionais e Internacionais da Asociación de Mulleres de Mariños de Galicia “Rosa dos Ventos”, Mª Cristina de Castro, así como polo socio de “Balms Abogados Consultores”, Antonio Heredero, ao demostrar que “con esforzo, se conseguen moitas cousas”.

Así, brindou o total apoio da institución que preside a ambos os dous colectivos co obxectivo de sensibilizar á sociedade das necesidades dos traballadores do mar e as súas consecuencias na vida familiar e social, debido ás súas prolongadas estanzas no mar.

24 de febreiro de 2015 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.