Licítanse por máis de 150.000 euros as obras do plan renove de estacións de autobuses de Ferrol
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, licita hoxe as obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información na Estación de Autobuses de Ferrol, por un importe de 152.162 euros.
Estes traballos están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia, cuxo principal obxectivo é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos centrados na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información.
Tal e como se recolle na resolución pola que se fai público este contrato, as empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen ata principios de marzo para remitilas á Dirección Xeral de Mobilidade, que estima un prazo máximo de execución de 13 semanas.
As actuacións de mellora da accesibilidade consistirán no pintado de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, no pintado de pasos de peóns, instalarase un novo aseo para persoas con dificultades de mobilidade na planta de servizos da estacións, a zona de acceso ao ascensor e as dársenas dotaranse de pavimento antideslizante, así como de ramplas metálicas de acceso nas dársenas e, por último, colocaranse bancos e elementos de apoio nesta mesma zona.
En relación coa melloras das instalacións, procederase a substituír a varanda exterior na zona do aparcamento, na execución dunha baixante nas entradas á cafetería e á estación, a reparación das manchas de humidade dos paramentos verticais no interior, impermeabilización da cuberta do edificio da estación. Tamén se desenvolverán reparacións menores en aseos e reparacións puntuais do pavimento de baldosa hidráulica na planta de dársenas, así como a reposición de luminarias de emerxencia
Por último, tamén se colocará un panel electrónico para informar dos horarios de saídas e chegadas, así como carteis indicativos.
Plan Renove
Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.
O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.
O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.
Galicia conta cun total de 45 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 38 estacións. Na actualidade, xa se remataron as obras en 13 estacións das 22 que integran este plan: A Pobra do Caramiñal, Carballo, Cedeira, Noia, Padrón, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, Sarria, O Barco de Valdeorras e Xinzo de Limia, ademais das de Santiago. Ao longo de 2015 se rematarán os traballos que na actualidade se executan nas nove estacións restantes que forman parte deste proxecto e ás que se suman as obras na estación de autobuses de Ferrol











