Lalín prepárase para unha fin de semana completa de actividades ao redor da XLVII Feira do Cocido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

cartel-feira-do-cocidoEste ano nomearanse 11 novos comendadores, nun Capítulo da Encomenda dedicado ao emprendemento; máis da metade dos comendadores son empresarios Como novidade desta edición celebrarase na tarde do domingo un festival de orquestras Concello de Lalín-ABANCA no Lalín Arena con entrada gratuíta ata completar aforo

Lalín comeza unha fin de semana intensa de actividades ao redor da XLVII Feira do Cocido, que celebra o seu Día Grande, o domingo, 8 de febreiro, nunha edición marcada por unha forte aposta, aínda como máis empeño que en anos anteriores, para tentar conseguir este ano a primeira Festa Gastronómica de Interese Turístico Internacional en España.

Esta 46ª Feira terá como pregoeiro ao conselleiro delegado de Hijos de Rivera e director xeral de Estrella Galicia, Ignacio Rivera, na que serán nomeados ademais do pregoeiro, outros dez Comendadores do Cocido nunha edición cun guiño ao emprendemento, xa que máis da metade dos Comendadores son empresarios, que son os que máis poden contribuír a saír da crise, segundo explica o alcalde de Lalín, José Crespo.

Ademais, este ano a Feira do Cocido terá como unha das principais novidades un festival de orquestras para a tarde do domingo o Día Grande da Feira, no Lalín Arena no que actuarán París de Noia, Sintonía de Vigo e Filadelfia, que con entrada gratuíta ata completar aforo dará comezo ás 17 da tarde ata a 1 da mañá. Con este Festival de Orquestras Concello de Lalín-ABANCA -que esponsoriza o evento- preténdese encher de actividade á festa na tarde do domingo, de xeito que os visitantes e os lalinenses podan disfrutar dun espectáculo de 8 horas para todos os gustos. Ademais, tamén haberá música polas rúas e na Praza da Igrexa, a cargo da charanga KM0, charanga Verbeneros e MariachiDeza.

A xornada previa ao Día Grande, o sábado 7 de febreiro, haberá actividades para todos os gustos que inclúen desde o Divercocido, o Concerto do Cocido no que se estreará a “Muiñeira do Cocido” ou unha actuación do Mago Teto, patrocinada por Aceites Abril na Praza da Igrexa que dará comezo ás 19.00 horas.

DIVERCOCIDO

O Divercocido abrangue unha oferta variada de actividades para os máis pequenos, desde inchables, obradoiros (fotopork -foto dos nenos cos elementos do cocido-, chapas do Cocido e maquillaxe facial co porco e co Cocido como tema) e xogos. Dará comezo ás cinco da tarde no pavillón do CEIP Xesús Golmar.

UN COCIDO MUSICAL

Ás 20.30 horas dará comezo no Auditorio Municipal o “Concerto do Cocido” con Juan Luis Diéguez como director convidado que ideou un cocido musical, cunha morea de ingredientes da terra. Destacan varias estreas que algúns dos compositores fixeron con todo o agarimo para este evento, especialmente a “Muiñeira do Cocido”, unha peza que a Banda de Lalín lle encargou a Juan Lois Diéguez e coa que se quere agasallar e homenaxear a todo o público e veciño de Lalín polo seu apoio e ánimo. Haberá tamén cancións con serruchos, con sachos, con piñas, etc. Será un concerto curioso e sorprendente onde se representará todo o proceso de facer e degustar un cocido a través do oído.

MERCADO DO COCIDO

Tamén o sábado 7 abrirase ás 10 h da mañá o Mercado do Cocido, que se celebrará ao longo de toda a fin de semana na Praza da Igrexa, e na que tomarán parte un total de corenta expositores de moda, alimentación, artesanía, complementos, etc., dos que a metade son de Lalín e da Comarca de Deza (Embutidos Lalinense, Pazo de Anzuxao, Queixos Ovilaga, Soy Presumida, Planeta Tres Zetas, Vanesa Insaurralde, Casa do Patrón, Mel O Testeiro, Ultra_Alimento, Pousa Licores de Galicia, Asociación do Pan de Lalín, Vanessadas, Libraría Vagalume, Casa da Xorxa, etc.). Tamén haberá representantes de diferentes puntos de Galicia e de Portugal como Aceites Abril -patrocinador da Feira do Cocido-, Tucafé, OZOCOgz, The retro vintage, Artesave, Alfarería Faya, Noga Art´s. Por razóns de espazo houbo que descartar a máis de cen solicitantes que querían estar presentes no Mercado.

Ademais o Mercado do Cocido, promovido polo Concello de Lalín a través das Concellerías de Actividade Económica, Comercio e Emprego e de Turismo, en colaboración co GDR Terras de Deza e Aceites Abril para servir de escaparate á excelencia dos pequenos e medianos produtores agroalimentarios, ao compromiso da calidade e á creatividade, aproveitando a celebración da Feira do Cocido.

Ademais tamén abranguerá catro exposicións de diferente carácter e temática, que poderán ser visitadas, con entrada libre, durante toda a fin de semana do Cocido. No xardín da igrexa instalarase a exposición fotográfica Tour de France. Paisaxes desde o arcén, 21 paneis en formato de 3,5 x 2 metros, obra de Francis Tsang, que realizou o seguimento da máis importante carreira ciclista do mundo.

No interior da Carpa do Mercado instalarase unha antoloxía fotográfica dos principais recursos económicos, patrimoniais e culturais de Lalín. Son 26 paneis fotográficos de gran tamaño que achegan unha ampla visión da mellor cara deste Concello, no que pazos, igrexas, museos, produtos alimentarios, moda e paisaxes amosan as potencialidades e as a excelencia lalinenses. No lateral da Carpa, o debuxante e caricaturista Gogue colga unhas quince obras das súas personaxes Floreano, Monchiña e o cura don Ramón. Por último, na Praza de Abastos pode verse a exposición Personaxes de Lalín na que unha ducia de protagonistas da vida cultural, económica e social deste concello.

O sábado, día 7, está prevista unha visita á Carpa “Lalín, Compromiso de Calidade”, ás 13.30 horas por parte das autoridades locais.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO MERCADO DO COCIDO

Sábado, 7 de febreiro

09.00 horas. Exposición Personaxes de Lalín, na Praza de Abastos.

10.00 horas. Apertura do Mercado do Cocido

Exposición de humor gráfico Floreano e compañía, do humorista José Ángel Rodríguez, Gogue, na Praza da Igrexa.

11.00 horas. Exposición de fotografía Tour de France. Paisaxes dende o arcén, de Francis Tsang. Colabora Proxecta. No parque da Igrexa

12.00 horas. Floreano e Monchiña, visitan o Mercado e a Praza de Abastos.

12.30 horas. Espectáculo infantil Pepiña Maruxiña quere voar, de Barafunda

13.30 horas. Presentación e degustación de produtos da Asociación do pan de Lalín, Embutidos Lalinense, Pazo de Anzuxao , Queixos Ovilaga e Adegas Albamar.

17.30 horas. Obradoiro de iniciación ao Café. Demostración ao vivo de torrado de café, por Marcos Ramos, director de TuCafé

18.00 horas. Presentación do libro Historias Floreánicas, e sinatura de libros polo seu autor.

Obradoiro de caricatura a cargo do humorista gráfico, Gogue

19.00 horas. Actuación do mago Teto (colabora Aceites Abril)

22.00 horas. Peche do Mercado do Cocido

Domingo, 8

10.00 horas. Apertura do Mercado do Cocido

11.30 horas. Floreano e Monchiña, visitan o Mercado.

17.00 horas Presentación e degustación de Pousa, Licores de Galicia por José Antonio Pousa.

22.00 horas. Peche do Mercado do Cocido

DÍA GRANDE

O domingo 8 de febreiro é o Día Grande da Feira do Cocido. O programa de actos dará comezo ao redor das 10.45 horas da mañá, coa recepción, na Casa do Concello (Praza de Galicia, 1) do pregoeiro Ignacio Rivera.

Haberá habilitado un plan especial de tráfico para o día, como vén sendo habitual cada ano. As rúas máis céntricas estarán pechadas ao tráfico na xornada dominical. Recoméndase utilizar para aparcar as áreas habilitadas de aparcamento nas dúas superficies comerciais, nas rúas do entorno do novo Concello e no Agro de Lalín.

De seguido, desenvolverase no hall de entrada do Concello, o XVI Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido, no que se nomearán a 11 novos Comendadores (máis da metade empresarios nunha edición dedicada ao emprendemento, como se indicou): ao pregoeiro Ignacio Rivera Quintana; a José Manuel Brandariz Pan, presidente de empresarios galegos en EE.UU; a Javier Etcheverría de la Muela, presidente do Banco Etcheverría; á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina; ao xuíz Ignacio Picatoste Sueiras, que comezou a súa carreira en Lalín; a José Ramón González Juanatey, xefe de Cardioloxía do CHUS e presidente da Sociedade Española de Cardioloxía; a gaiteira, Susana Seivane Hoyo; o director de Operacións Industriais e Supply Chain Europa PSA Peugot Citroën, Antonio Muñoz Codina; a actriz vilalbesa, Cristina Castaño Gómez; o director xeral de Hotusa, Amancio López Seijas, e o director xeral de Inasus, Eladio Cuiña Crespo.

Sobre as 12.15 horas, o alcalde, o pregoeiro e autoridades abrirán a Feira e farán o percorrido tradicional visitando o mercado “Lalín, Compromiso de Calidade”. De seguido, Ignacio Rivera ofrecerá o pregón e a continuación seguirá o desfile de carrozas, charangas e comparsas.

Durante toda a fin de semana poderase visitar o mercado “Lalín, Compromiso de Calidade”, na Praza da Igrexa, na que tamén haberá catro exposicións gratuítas. Por último, lembrar que na tarde do domingo, sendo unha das novidades deste ano, haberá no Lalín Arena festival de orquestras con entrada gratuíto ata completar aforo (desde as cinco da tarde e ata a unha da mañá).

6 de febreiro de 2015 | 12:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.