José Ramón González Juanatey ofrecerá unha charla sobre os “beneficios da dieta atlántica” en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Comendador do Cocido -que ingresou nesta Orde o pasado domingo, na XLVII Feira do Cocido- e un dos máis prestixiosos cardiólogos do mundo, José Ramón González Juanatey, ofrecerá o próximo martes, 23 de febreiro, ás 20.30 horas, no Museo Municipal Ramón María Aller, unha charla sobre os “Beneficios da dieta atlántica”.

Na súa disertación o xefe do servizo de Cardioloxía e Unidade Coronaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) exporá as vantaxes que a dieta atlántica ten para a saúde e como está relacionada coa lonxevidade galega e en particular coa dezá e coa lalinense -unha das máis altas-.

Neste sentido o alcalde José Crespo ten exposto que foi el mesmo quen falando informalmente co tamén Catedrático de Cardioloxía da USC este lle comentou ao rexedor que comer cocido acompañado de grelos ou verzas -máis desaconsellable, repolo- é san desde o punto de vista do corazón. A raíz desa conversa Crespo propúxolle a Juanatey vir a Lalín dar unha charla sobre este asunto, para desmitificar a idea de que a carne de porco é mala desde o punto de vista cardiovascular.

O encontro deste prestixioso cardiólogo que vén de organizar en Compostela un Congreso Internacional de Cardioloxía terá lugar, polo tanto, o martes 23 de febreiro, con entrada gratuíta e aberto ao público. José Ramón González Juanatey é presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, director do departamento Cardiovascular do CHUS, catedrático de Cardioloxía da USC, director do grupo de Investigación Cardiovascular no Consorcio IDIS, membro do Consello de Dirección da Rede España na insuficiencia cardíaca, foi tamén presidente do Capítulo de Hipertensión da Sociedade Española de Cardioloxía, gobernador por España da Sociedade Internacional de Farmacoloxía Cardiovascular, membro do Consello Editorial e Árbitro Internacional de Revistas Cardiovasculares como European Heart Journal, The Lancet, American Journal of Cardiology, Circulation ou a Revista Española de Cardioloxía.

Entre as principais liñas de investigación de Juanatey destacan: a insuficiencia cardíaca ou a hipertensión e o corazón. Ten publicados máis de 200 artigos en revistas cardiovasculares como Circulation, European Heart Journal ou a Revista Española de Cardioloxía, entre outras.

10 de febreiro de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.