Jaime Castiñeira reclama a hemodinámica 24 horas no Hula

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

O voceiro do PP no Concello de Lugo e candidato de novo á Alcaldía, Jaime Castiñeira, mostrou o “enfadado que está tras as declaracións da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, en relación co servizo de hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), que non se implantará as 24 horas,”.

Castiñeira compareceu na tarde deste xoves ante a avalancha de criticas que se sucederon o día despois da visita de Mosquera á cidade. Así, o alcalde, o socialista José López Orozco, anunciou que recorrerá ao Valedor do Pobo e o vicepresidente da Deputación, Lara Méndez, a incorporación dunha moción socialista no próximo pleno provincial para que se declare “persoa non grata” a Mosquera.

De feito, segundo apuntou Castiñeira, durante a mañá Mosquera e el falaron en dúas ocasións, e o voceiro dos populares na Casa do Concello lucense e parlamentario autonómico trasladou as súas queixas ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

“Esta mañá falei con ela, para expresar o meu malestar e o enfado por estas declaracións, e deixeille claro que non teño pensado moverme nin un milímetro no tema de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, nos servizos do Hula, do que se aprobou no Parlamento”, aseverou o popular, en alusión á iniciativa lexislativa popular aprobada na Cámara tras ser subscrita por máis de 41.000 veciños.

REXISTRO DE ACTIVIDADE CARDÍACA

Así, subliñou que defenderá “hemodinámica as 24 horas do día, se iso é o mellor para os lucenses”. “Hai un tema moi claro, a conselleira sabe que isto non depende só dela, ela non é máis nin menos que conselleira. Non é menos, pero tampouco máis, e por iso a ampliación do horario deste servizo non depende só dela, senón que depende dun rexistro único de actividade cardíaca que se aprobou por iniciativa do PP no Parlamento de Galicia, un rexistro que recibiu o apoio do Partido Socialista”, advertiu.

Deste xeito, avisou de que “ese rexistro non vai depender de políticos, afortunadamente, senón que depende dos especialistas e en función do que diga ese rexistro é o que vai marcar a ampliación ou non do servizo de hemodinámica para o Hula”.

5 de febreiro de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.