Iván Roade: “Quero levar o nome do Club Ciclista Rías Baixas e o de Nigrán ao máis alto”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaNigrán
A-
A+
Presentación de Iván Roade

Presentación de Iván Roade

Iván Roade inicia unha nova etapa na súa carreira deportiva no equipo da súa localidade natal. O corredor de Nigrán foi presentado como novo integrante do equipo Elite e Sub 23 do Club Ciclista Rías Baixas. Tras militar as tres últimas tempadas no Supermercados Froiz, o escalador será unha das referencias do conxunto dirixido por Marcos Montañés nas probas que compoñen o calendario da Copa de España 2015. No acto celebrado no Salón de Actos Municipal tamén participaron o alcalde, Alberto Valverde; a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto; e o presidente do Club Ciclista Rías Baixas, José Luis Chamorro.

“Só teño palabras de agradecemento ao Club Ciclista Rías Baixas por esta aposta”, afirmou o corredor de 21 anos, que debutará coas súas novas cores o próximo 22 de febreiro no Circuíto Guadiana en Extremadura: “Espero volver mostrar o meu nivel e axudar ao máximo os meus compañeiros. Para iso conto coa axuda dun referente como Marcos Montañés. Con todo este apoio, desexo deixar o nome deste equipo e do meu pobo no máis alto”.

O seu novo director deportivo, Marcos Montañés, definiu a Roade como “un ciclista novo, con proxección e rebelde enriba da bicicleta. O equipo este ano vai dar un salto de calidade participando na Copa de España. Queremos que se empece a falar do Club Ciclista Rías Baixas como un referente deportivo en Galicia”.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, felicitou ao xoven ciclista pola súa incorporación ao club local, e animoulle a seguir traballando por facerse un oco e despuntar “nun deporte tan duro e sacrificado como é o ciclismo”, apuntou. Así mesmo, aplaudiu a actual filosofía do club con sede en Nigrán de apostar forte polo deporte galego, “un posicionamento que a entidade deportiva mantén en firme, ao contar cun equipo 100% de Galicia, tanto o corpo deportivo coma o técnico,”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto, indicou “que é un ciclista cun palmarés moi destacado. No Club Ciclista Rías Baixas, un equipo composto integramente por corredores galegos e con Serrano como director, encontrou todas as condicións para seguir crecendo neste deporte”.

Para concluír, José Luis Chamoro asegurou que o seu club se sente “orgulloso” por esta incorporación dun ciclista “con moita calidade e no que temos confianza plena”.

5 de febreiro de 2015 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.