Investigan a retirada dunha multa á exedila compostelá Cecilia Sierra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O xulgado de instrución número dous de Santiago pediu ao Concello que lle facilite o expediente administrativo relativo a senllas multas de tráfico impostas á concelleira Reyes Leis e á xa exedila Cecilia Sierra, ambas as dúas do PP, para ver se foron retiradas a instancias do tamén exconcelleiro Albino Vázquez.

Polo momento, segundo fontes xudiciais consultadas, están imputados por tráfico de influencias Leis e Vázquez, a expensas de saber que aconteceu coa sanción da exresponsable de Facenda na capital galega.

A orixe desta imputación áchase nas escoitas telefónicas decretadas no marco da Operación Pokémon a Albino Vázquez, encargado de Tráfico ata a súa detención e posterior dimisión, a quen Reyes Leis enviou unha mensaxe tras ser multada por non poñer o tique da ORA para preguntarlle se se podería “facer algo” ao respecto.

No caso de Sierra, segundo esas mesmas escoitas, ela comentou ao seu entón compañeiro de corporación que lle acababan de poñer unha multa” por circular “falando polo móbil” e lle pediu que “non” se decatase “ninguén” disto. Ante iso, é Albino Vázquez quen se ofreceu a intentar “facer algo”.

Cecilia Sierra é unha dos sete concelleiros de Santiago que, en xuño do pasado ano, foron condenados a nove anos de inhabilitación para o exercicio de cargo público por decidir nunha xunta de goberno sufragar con cargo ao erario público a defensa do daquela edil Adrián Varela, imputado na Operación Pokémon por falsidade documental, tráfico de influencias e suborno.

XULGADO NÚMERO DOUS

Tal e como indicaron as mesmas fontes xudiciais, o caso trasladouse dende Lugo, onde se instrúe a Operación Pokémon, ao xulgado número dous de Santiago.

Non obstante, por “motivos familiares”, o seu titular, Margarida Guillén, inhibiuse e é por iso que o asumiu a encargada do xulgado número un, Ana López Suevos.

12 de febreiro de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.