Intercambio xuvenil en Pontevedra de 35 galegos e gregos sobre mobilidade e educación non formal
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nunha sesión informativa sobre os programas de mobilidade e educación non formal no eido da xuventude que forma parte das actividades do intercambio xuvenil ‘Chemist`s shop of employment’.
Este intercambio foi aprobado ao abeiro do programa europeo ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’ e organizado pola Asociación galega Percuta OMAR. Reúne estes días en Galicia a 35 mozos e mozas de entre 13 e 30 anos de idade, 17 de Galicia e 17 gregos.
Segundo explicou Rodeiro, a convivencia durante os nove días que dura o intercambio, “permitirá que os mozos compartan experiencias, culturas, tradicións, costumes e habilidades, participando en distintas actividades como obradoiros, charlas informativas e dinámicas de grupo sobre temas como a busca de emprego, o emprendemento xuvenil, reciclaxe, a música e a cultura, entre outros”.
Ovidio Rodeiro destacou que “a mobilidade promove maiores oportunidades de aprendizaxe, de cidadanía, inclusión social e solidariedade e reforza vínculos entre os mozos participantes”. “A participación en proxectos de educación non formal facilita a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades que axudarán ao desenvolvemento persoal, educativo e profesional dos mozos”, engadiu.
O programa europeo Erasmus+ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas; promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo; a cidadanía activa; o diálogo intercultural; a inclusión social e a solidariedade; posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe; potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.
O programa fomenta a mobilidade dentro e fóra dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.
No 2014 en Galicia foron aprobados un total de 43 proxectos no marco do programa ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’, cun orzamento total de 920.781 euros, nos que participaron 1.506 mozos e mozas. Con estas cifras, as asociacións xuvenís da Comunidade xestionan o 9,24% do orzamento do programa a nivel estatal, pese a que poboación nova de Galicia representa só un 5,3% do total español.
Segundo indicou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, “este elevado índice de participación pon de manifesto unha importante iniciativa dos mozos e mozas galegos en temas de mobilidade e participación activa en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal”.
Os intercambios xuvenís son “unha gran oportunidade” para a mocidade e, por iso, indicou que un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil.











